Cultura Vigo al minuto

A Xunta convoca as probas para a obtención do graduado en Secundaria para maiores de 18 anos

O prazo de inscrición estará aberto do 8 ao 18 de marzo para a convocatoria de maio e do 1 ao 8 de xullo para a de setembro

A Consellería de Educación vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) para maiores de 18 anos nas convocatorias de maio e setembro de 2021.

Poderán participar nestas probas as persoas maiores de idade e que non estean en posesión do título correspondente nin matriculadas no actual curso 2020/21 en ensinanzas conducentes a obtelo.

Prazo de inscrición e datas dos exames

O prazo de inscrición estará aberto do 8 ao 18 de marzo para a convocatoria de maio e do 1 ao 8 de xullo para a de setembro.

As probas celebraranse en sesións de mañá e tarde os días 21 de maio e 10 de setembro de 2021 para as respectivas convocatorias.

Contidos das probas

O contido do exame estruturarase en tres ámbitos: ámbito científico-tecnolóxico, ámbito social e ámbito de comunicación.

No científico-técnico incluiranse os exercicios das materias
de Matemáticas, Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química e Tecnoloxía, así como aspectos relacionados coa saúde e o medio natural recollidos no currículo de Educación Física.

Aproba do ámbito social inclúe os contidos relacionados coas materias de Xeografía e Historia, Economía, Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial e aspectos perceptivos correspondentes ás materias de Educación Plástica e Visual e Música.

Finalmente, o ámbito de comunicación comprende os exercicios de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Lingua Estranxeira (inglés ou francés).

O obxectivo destas probas é facilitar a obtención dun título oficial ás persoas que non seguiron ensinanzas reguladas ou non o obtiveron no seu momento.

Neste sentido, ademais a Xunta oferta, no réxime de educación para adultos, ensinanzas equivalentes ao título de graduado en ESO e ten á disposición da cidadanía no Portal Educativo para a súa descarga
gratuíta as unidades didácticas precisas para o seu estudo.

También te puede interesar