O Bloque Nacionalista Galego pronunciouse após o anuncio do Goberno municipal de iniciar a cuarta fase de humanización da avenida do Alcalde Gregorio Espino, criticando a “irracionalidade e ineficiencia” na xestión deste tipo de obras.
Gregorio Espino: humanización entre 2018 e 2023
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, explicou que malia que esta avenida ten menos de 1 quilómetro de extensión vai precisar de até 5 fases diferentes para completar a súa humanización. “Tendo en conta que a primeira fase se iniciou en 2018 e que a quinta inda non ten data, moi dificilmente vai estar culminada a obra antes do 2023”, acrecentou.
Para o portavoz municipal nacionalista esta dinámica só pode responder á incapacidade de xestión do Goberno e ao afán deliberado por instalar cada 200 metros unha placa de inauguración co nome de Abel Caballero.
“Cinco anos é o que tarda o Goberno municipal de Vigo con máis orzamento da historia da cidade e con plena capacidade de obrar pola súa maioría absoluta, en humanizar pouco máis de 900 metros”, reprochou.
10 meses para 200 metros
Desde o Bloque tamén manifestan a súa preocupación polo feito de que a actuación prevista na cuarta fase, que só intervirá en apenas 200 metros da rúa, vai ter de prazo dez meses para a súa execución.
Ao se tratar dunha das principais arterias da zona, Igrexas, defende que se deben axilizar o máximo os prazos para reducir os efectos negativos tanto no tránsito de persoas como de vehículos. “Non se trata de dicir que se quere humanizar a cidade, trátase de demostralo na práctica e iso pasa por xestionalo con axilidade e eficiencia poñendo os intereses da veciñanza por diante en lugar de facer procurar o maior número de anuncios e fotografías“, demandou.
Aliás, a fronte nacionalista denuncia o “total abandono” que padecen as zonas da avenida que inda non foron humanizadas, o que xera “tramos de primeira e de segunda” nunha mesma vía, como sucede noutras moitas rúas da cidade.
Neste sentido, poñen como exemplo a situación da pequena praza onde estaba instalado un exemplar singular de carballo, a carón do número 63, e que despois de tronzar pola falla de mantemento a veciñanza inda agarda que sexa substituído por un novo exemplar.