“Descúbreas é un proxectazo, un dos proxectos máis relevantes que existe a prol da igualdade na música en Pontevedra, en Galicia, e en todo o Estado español”.
Con esta afirmación, a presidenta da Deputación amosou hoxe o seu orgullo “polos enormes avances dun programa presentado en decembro que a día de hoxe ten tantas novidades na plataforma web”.
Carmela Silva, xunto a Olalla Dopico, coordinadora do proxecto, presentaron as novas accións de www.descubreas.com “unha web moi potente, que crea redes, pon en relación ás mulleres novas coa industria musical para que poidan desenvolver a súa carreira profesional”.
No acto de lanzamento participou a cantautora viguesa Sanny que interpretou algunhas das súas pezas. “Na industria musical –asegurou Carmela Silva- hai teitos de cristal e solos pegañentos que impiden que as mozas poidan chegar. Non pode haber nada mellor que permitir que as mulleres novas teñan instrumentos para poder dedicarse á música”.
Vídeos, entrevistas, axenda ou novas
Neste eido, xa se poden consultar na web do programa vídeos, entrevistas, unha completa axenda, novas e recursos formativos que permitirán avanzar neste obxectivo. Trátase dunha páxina “de enorme calidade técnica” na que se inclúen dende vídeos titoriais ata foros, vídeo entrevistas, e un mapa de mulleres na industria musical, “fundamental para visibilizar que hai mulleres”.
Xunto a estas seccións, e dada a amplitude de contidos que inclúe www.descubreas.com, lanzarase unha newsletter para “colaborar e facer comunidade e redes”, a fin de facilitar ás persoas usuarias a información e novidades de todo o que está a acontecer. A presidenta avanzou que “tamén se darán a coñecer novos avances en relación a Descúbreas o vindeiro martes, 23 de febreiro, cando presentaremos a nosa programación do 8M, que será o proxecto de visibilidade da axenda feminista máis potente que se vai facer en toda Galicia”.