Xaquín Pastoriza e Cristóbal López | Ecoloxistas en Acción Vigo
O transporte público é un dos piares fundamentais da loita contra o cambio climático. Aproximadamente un terzo das emisións de gases de efecto invernadoiro proceden do transporte, e delas, o vehículo privado produce tres veces máis que o transporte público, polo que a limitación do tráfico do coche privado resulta imprescindible. Sin embargo, na nosa cidade, “transporte” e “público” son verbas que conxugan mal xuntas.
Para comenzar, coa concesión dun servizo de autobuses urbáns que leva máis de 40 anos en mans dunha empresa privada, Vitrasa, que desprazou nos anos 70 ao tranvia, un medio de transporte máis sostible e ecolóxico.
Vigo é das poucas grandes cidades onde non hai participación pública no transporte urbano colectivo. Existen cidades cuxa titularidade é 100% pública e outras nas que a participación da administración local é importante. Porén, aquí o transporte público é un negocio privado con moitas eivas no servizo.
Na última enquisa realizada pola OCU a nivel Estatal sobre a valoración do transporte público pola cidadanía nas 16 grandes cidades, Vigo ocupaba o lugar 14º, con 53 puntos sobre 100 no grao de satisfacción, a gran distancia de Xixón e Bilbao e superando só a Murcia e Zaragoza.
Un terzo das emisións de gases de efecto invernadoiro proceden do transporte, e delas, o vehículo privado produce tres veces máis que o transporte público
Sorprenden estes datos? En absoluto, se preguntamos a calquera persoa usuaria do Vitrasa, sinalará os múltiples defectos do noso transporte urbán: baixas frecuencias, impuntualidade, falta de intermodalidade, mapa de rutas obsoleto (moitas veces indescifrable) e o billete “máis caro” das grandes cidades, 1.35 a viaxe.
Quen non estivo máis de media hora baixo a chuvia aguardando que chegara o autobús? Quen non foi ás praias de Samil ou O Vao como sardiñas en lata no verán?
Alén diso, a ausencia de conexións nocturnas coas numerosas parroquias da periferia viguesa supón unha penalización para a súa veciñanza. Estas carencias “invitan” a moitas viguesas e vigueses a empregar o vehículo privado para a súa mobilidade cotiá. O propio alcalde Abel Caballero recoñecía hai uns meses que o contrato de bus (coa concesionaria Vitrasa) era “inxusto e desfasado” no seu sistema tarifario, e que non cubría as necesidades da cidade. O misterioso do asunto e que pouco despois destas declaracións decidía prorrogar a concesión outros 5 anos máis.
O transporte público de Vigo presenta baixas frecuencias, impuntualidade, falta de intermodalidade, mapa de rutas obsoleto (moitas veces indescifrable) e o billete “máis caro” das grandes cidades, 1.35€ a viaxe.
Esta panorama viuse agravado coa pandemia da Covid 19. Vitrasa perdeu en 2020 máis de 9,5 millóns de pasaxeiros a causa da crise sanitaria, un descenso do 42,7% con respecto a 2019.
Vitrasa non actuou con responsabilidade no que respecta aos aforos, frecuencias e horarios máis axeitados á actual situación de crise sanitaria e houbo imaxes de saturación que non axudaron a infundir confianza na cidadanía sobre a seguridade do transporte público
Cales son as causas deste desplome de usuarias, común a outras cidades?
A pesar de que non se atoparon gromos de contaxios de COVID–19 relacionados con metros, buses, trens ou tranvías, estos medios considéranse por parte da cidadanía lugares poco seguros. A actuación das autoridades, disminuido as frecuencias en vez de aumentalas para diminuir aglomeracións, non axudou precisamente a revertir esta percepción. No caso de Vigo, Vitrasa non actuou con responsabilidade no que respecta aos aforos, frecuencias e horarios máis axeitados á actual situación de crise sanitaria e houbo imaxes de saturación que non axudaron a infundir confianza na cidadanía sobre a seguridade do transporte público. E mailo Concello tamén fixo deixación de funcións, xa que en troques de pedir responsabilidades á empresa, premiouna coa prórroga unilateral do contrato, sen recibir contrapartidas en forma de melloras do servizo.
Sería interesante aproveitar os fondos europeos para recuperar o entrañable tranvía eléctrico, un transporte que reduciría as emisións contaminantes
Dáselle continuidade así a un modelo de transporte urbano desfasado que non responde ás necesidades de gañar terreo fronte ao coche. De feito, moitas das medidas adoptadas polo Concello en materia de mobilidade fomentan o uso do vehículo privado, como a proliferación de aparcadoiros no centro ou a construcción dun túnel baixo a Porta do Sol-Elduayen. Estas infraestructuras que teñen un efecto chamada sobre o tráfico e que dificultan a convivencia con bicicletas e peóns. É necesario pacificar o tráfico, non promovelo.
Frente a este modelo de cidade na que o transporte público é o irmán pobre do automóbil, cun sesgo de clase e xénero importante, as ecoloxistas defendemos o empoderamento do transporte público. Propugnamos a súa integración na área metropolitana, fomentando a conexión co transporte interurbano, un servizo 100% público coa remunicipalización para abaratar o seu prezo. E por suposto insistimos na necesaria mellora da súa calidade, especialmente a frecuencia e os tempos de espera, proporcionar liñas suficientes a todos os barrios e parroquias, incluido servizo nocturno e promover a integración modal, incluíndo outros medios sostibles como o carsharing (compartir coche) ou a bicicleta.
Tamén sería interesante aproveitar os fondos europeos para recuperar o entrañable tranvía eléctrico, un transporte que reduciría as emisións contaminantes. Alén, faise necesario organizar desde o Concello campañas de sensibilización para o fomento do uso do transporte público e para remarcar a súa seguridade.
O transporte público é esencial para conseguir cidades máis habitables con menos contaminación e conxestión e máis calidade de vida. Vigo pode coller ese autobús cara o século XXI, xa abonda de demoras.