A Área Sanitaria de Vigo estrea hoxe un novo dispositivo de atención á Saúde Mental: unha Unidade de Prevención do Suicidio. Trátase dun novo servizo sanitario que ten como obxectivo a diminución nas taxas de suicidio consumado e tentativas autolíticas na poboación.
A posta en funcionamento desta Unidade enmárcase no Plan Estratéxico fronte ao Suicidio desenvolvido pola Consellería de Sanidade, que contempla unha serie de medidas, entre elas, o establecemento de Vías rápidas con Atención Primaria. Na Área de Vigo tamén ven de implementarse esta Vía rápida, para priorizar a atención aos suicidios e garantir que estes pacientes sexan atendidos por un especialista en saúde mental en menos de unha semana.
Un suicidio cada dúas horas e media, en España
Segundo explica o xefe da Área de Saúde Mental de Vigo, José Manuel Olivares, “con esta nova oferta da nosa carteira de servizos daremos resposta a un problema de saúde pública de primeira magnitude. A OMS ven alertando do incremento da mortalidade por suicidio a nivel mundial; fundamentalmente en xóvenes. En España ten lugar un suicidio cada dúas horas e media, e por cada suicidio se producen aproximadamente 20 tentativas, probablemente máis, aínda que non se dispón de datos rexistrados”.
80 pacientes
Está nova unidade está integrada por un equipo de catro especialistas – 1 psiquiatra, 1 psicólogo, e 2 profesionais de enfermaría especializados en saúde mental-, que realizará actividades de prevención.
Os pacientes seguirán durante 6 meses un completo e intensivo programa terapéutico baseado en actividades psicoterapéuticas e no traballo farmacolóxico, a través de intervencións tanto individualizadas como grupais. Neste programa poderán participar de xeito simultáneo 80 pacientes.
“Hoxe en día está demostrada a efectividade dos programas de prevención de Suicidio; ademais, con este novo recurso se mellorará a accesibilidade aos servizos de saúde das persoas con alto risco suicida e se garantirá o seu seguimento sanitario”, asegura o doutor Olivares.
Casos seleccionados, enfermidade mental e alcoholismo
Esta Unidade atenderá os casos máis graves e de maior complexidade, seleccionados previa valoración dos especialistas en psiquiatría. En xeral, tratarán a pacientes de máis de 16 anos de idade que presenten risco elevado de realizar un suicido consumado ou unha tentativa de suicidio; teñan a capacidade cognitiva suficiente para poder participar nun tratamento psicoterapéutico; e non presenten un diagnóstico principal de trastorno por uso de substancias. “Como excepción, admitiranse ás persoas cun consumo prexudicial ou dependencia de alcol, debido ao elevado risco de suicidio que implica, ao redor de 20 veces máis con respecto á poboación xeral”.
Enténdese como un risco elevado de suicidio aqueles pacientes que presenten algunha enfermidade mental, que é o principal factor de risco para a tentativa de suicidio ou suicidio consumado. Entre elas, o Trastorno Depresivo Maior, TOC, pacientes con sintomatoloxía ansioso-depresiva, Trastorno Bipolar, Esquizofrenia, Trastorno de Ideas delirantes; Trastornos da conduta alimentaria, Trastornos da personalidade, etcétera…
Máis suicidios consumados nos homes e máis tentativas nas mulleres
Ademais, hai outra serie de factores de risco aumentado; o principal é ter antecedentes de tentativas autolíticas previas.
Outro agravante sería o sexo masculino, xa que nos homes rexístrase un maior número de suicidios consumados, aínda que no sexo feminino o número de tentativas é maior.
Tamén poden subliñarse como condicionantes do risco, a viuvez ou divorcio, nulo apoio social, problemas económicos, perda do emprego, malos tratos físicos ou psicolóxicos (incluídos os que ocorreron durante a infancia ou adolescencia), enfermidade mental familiar, eventos vitais estresantes, factores xenéticos e biolóxicos.
Inclúese tamén a Violencia de xénero, tanto para vítimas como agresores, e o fácil acceso a armas, medicamentos ou tóxicos.