O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar ao Goberno municipal que aclare cal vai ser o futuro da escola infantil municipal Santa Marta. Dende o BNG se pide que no proceso de matrícula para o vindeiro curso, (que abre o próximo día 22 de marzo), se oferten a totalidade das prazas dese centro e que se manteña na súa actual ubicación.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, agarda que a Concellaría de Educación explique publicamente que vai acontecer coa escola. “Queremos que o Goberno municipal diga de maneira clara se vai abrir matrícula en todos os grupos de idade, ou non”, expresou.
“Xestión nefasta” do goberno de Abel Caballero
Igrexas demanda “transparencia” para disipar as incertezas creadas pola “xestión nefasta” do executivo de Abel Caballero.
Para Igrexas “quedou demostrado que non hai motivo real que xustifique o traslado, nin moito menos o feche da escola, dado que no Barrio do Cura non hai nin obras nin, polo momento, licenza para inicialas“
Igrexas lembra que o Goberno non logrou unha alternativa adecuada e viábel para iniciar o curso en plenas condicións. “Desde o BNG consideramos que hai poñer fin a este culebrón e garantir que a escola infantil Santa Marta vai estar plenamente operativa no vindeiro curso”.
Sobre o futuro da escola, o portavoz municipal do Bloque reitera a demanda dun compromiso claro por parte do Concello de que o Casco Vello e o centro da cidade non van perder a única escola infantil pública de 0 a 3 anos.