A caravana solidaria ponse en marcha ante a suspensión do programa “Vacacións en Paz” como consecuencia da pandemia e o peche de fronteiras que xerou a aparición da COVID19. “Isto non nos pode deixar de brazos cruzados nin a voluntarios nin á sociedade”, manifestou a presidenta da Asociación.
Mayte Isla agradeceu “a constante resposta positiva e implicación que recibimos por parte do goberno de Gondomar, e o seu alcalde, cando pedimos a súa colaboración”.
Isla estivo acompañada no acto polo rexedor de Gondomar, Paco Ferreira, o delegado saharauí en Galicia, Mohamed Zerga, a concelleira de Benestar Social, Nuria Lameiro e o concelleiro de Medioambiente e Voluntariado, Brais Misa, así como outros representantes de SOGAPS.
Dous camións e unha furgoneta
O alcalde explicou que “desde un principio tivemos clara nosa participación na caravana solidaria que estaban a preparar e a nosa contribución nela.”
Así, Gondomar dona tres vehículos: un camión recolector vertedoiro, cunha capacidade de 22 metros cúbicos; un camión recolector de caixa aberta con guindastre; e, unha furgoneta Citroën 15.
Todos eles partirán na caravana que o domingo se pon en marcha cara a Alacante desde cuxo porto serán trasladados ata os campos de refuxiados de Tinduf.
Roupa, calzado, mantas, material escolar e informático e 32.000 máscaras
Gondomar suma aos vehículos catro palés con roupa, calzado, mantas, material informático e escolar, así como unha dotación de máscaras cirúrxicas, concretamente un total de 32.000 unidades.
Entre as pezas que se farán chegar ao Sahara roupa deportiva como suadoiros, camisetas, polos ou pantalóns de chándal, aos que se suman
chaquetas, panos, gorras e calzado. Ademaís, os vehículos levarán centos de quilos de comida non perecedeira.
Compromiso de Gondomar
“O noso compromiso con esta asociación é unha realidade desde hai anos”, subliñou Paco Ferreira. O alcalde lembrou a sinatura de convenios coa asociación que preside Mayte Isla, “con dotacións de ata 4.000€ para facilitar o traslado dos pequenos e pequenas no verán ao noso municipio”.
A axuda mantívose en 2020, “en menor proporción”, facilitando así “adquisición de alimentos para trasladar aos campamentos nos que vense obrigados a vivir desde hai décadas estas persoas” sinalou Ferreira.
O alcalde salientou que “Gondomar e a súa veciñanza somos un pobo solidario e sempre buscaremos a forma axudar aos máis necesitados, tanto os que están preto de nós, como os que viven noutros lugares do mundo e que requiren da nosa axuda”.
Por último encomiou o gran labor que se está desenvolvendo a SOGAPS,
especialmente a delegación de Galicia, destacando “a implicación e o traballo sen descanso da súa presidenta Mayte Isla e o delegado do pobo saharauí en Galicia, Mohamed Zerga, así como o de todo o voluntariado que posibilita mellores condición de vida para os miles de refuxiados do Sahara”.