A presidenta da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS), Mayte Isla, fixo hoxe un chamamento para a doación de alimentos non perecedeiros, destinados aos campos de refuxiados de Tinduf.

Caravana Solidaria
Solidariedade Galega co Pobo Saharaui despide este mércores en Ponteareas súa caravana solidaria, posta en marcha logo da suspensión do programa “Vacacións en Paz” como consecuencia da pandemia e o peche de fronteiras que xerou a aparición da COVID19.
Isla insistiu en que a situación do pobo saharaui “non nos pode deixar de brazos cruzados, nin a voluntarios nin á sociedade” e agradeceu a resposta das familias acolledoras, persoas anónimas e institucións, dende o Concello de Gondomar, pasando polo Parlamento, o Goberno de Galicia ou Fondo Galego.
Aceite de oliva, arroz, pasta, lentellas e atún
Mayte Isla, acompañada polo delegado saharauí en Galicia, Mohamed Zerga, achegouse hoxe a Gondomar, onde están preparados os camións que sairán a principio do mes de abril cara ao Sahara. Dende alí pediu ás persoas que queiran facer unha doazón, principalmente de aceite de oliva, arroz, lentellas, pasta e atún, que se poñan en contacto con SOGAPS, nos teléfonos 986 26 26 37 e 678 72 73 82, ata o mércores día 31 de marzo.
A asociación, que lembrou ten presenza en todas as comarcas de Galicia, acudirá a recoller os seus donativos que serán parte desta caravana. A mesma levará ás familias saharianas roupa, calzado, mantas, material informático, escolar e deportivo, ademáis de milleiros de máscaras cirúrxicas.
