Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

O Cunqueiro realiza unha media de 100 amputacións de membros inferiores ao ano

Vigo conta coa primeira unidade de Galicia para o tratamento do pé diabético

Unidad Pie Diabético Hospital Álvaro Cunqueiro

 A Área Sanitaria de Vigo ven de por en marcha, no Hospital Álvaro Cunqueiro, unha Unidade para o tratamento do pé diabético. Trátase da primeira Unidade deste tipo de Galicia e unha das poucas de España.

Este novo dispositivo asistencial, coordinado polo servizo de Anxioloxía e Cirurxía Vascular, está integrado por un equipo multidisciplinar composto por cirurxián vascular, endocrinólogo, internista, traumatólogo, rehabilitador e varios profesionais de enfermaría especializados en curas vasculares. Tamén foi necesaria a incorporación de un  podólogo a este equipo de coidados do pé diabético. 

Ademais, conta coa colaboración do servizo de Atención Primaria de Teis. Unha facultativa deste centro de saúde será o enlace entre o hospital e a atención primaria para coordinar circuítos e protocolos de actuación conxunta entre ambos niveis asistencias.

Segundo afirma o xefe de servizo de Anxioloxía e Cirurxía Vascular, José Manuel Encisa de Sá, «o Hospital Álvaro Cunqueiro ten nado cunha actitude moi innovadora, con grandes avances tecnolóxicos e coa creación de equipos multidisciplinares para tratar patoloxías complexas que involucran a moitos especialistas. Este proxecto integra a un equipo multidisciplinar para realizar unha atención rápida e eficiente dos pacientes con afectación neuroisquémica do pé diabético mediante un contacto fluído coa Atención Primaria».

600 pacientes anuais

O pé diabético é unha complicación derivada dá diabetes mellitus. Pode presentarse con  ulceración, infección e/ou gangrena do pé asociada á neuropatía diabética e diferentes graos de enfermidade vascular periférica.

A afectación das extremidades inferiores nos enfermos con diabetes mellitus representa un problema de gran importancia para o paciente, debido a que limita a súa calidade de vida, ao tempo que incrementa enormemente o gasto sanitario.

Segundo explica o coordinador desta Unidade, o cirurxián vascular Ignacio Hernández-Lahoz, «as alteracións morfolóxicas do pé poden producir grandes deformidades e amputacións menores que dificultan a marcha e empeoran a súa calidade de vida e actividade profesional. A perda da extremidade (amputación maior) é o estadio máis avanzado e a complicación máis importante e dolorosa para o paciente. 0s últimos datos reflicten que o 25% dos pacientes diabéticos teñen algún tipo de úlcera nos membros inferiores ao longo da vida, e o 15% das úlceras finalizan en amputación maior da extremidade inferior».

A nova Unidade prevé atender a 600 pacientes anuais con estas complicacións.

Amputacións e incapacidade laboral

No Hospital Álvaro Cunqueiro realízanse unha media anual de 100 amputacións das extremidades inferiores como consecuencia do pé diabético: 60 menores (dos dedos do pé e do mesmo pé); e 40 amputacións maiores (de toda extremidade).

«O proceso das amputacións é moi custoso e longo, e a miúdo acompáñase de procedementos previos de revascularización, e de estancias hospitalarias prolongadas de máis de 20 días. Ademais, un 35% dos pacientes menores de 65 anos ingresados por pé diabético terminan cunha incapacidade laboral permanente. Isto é, trátase dunha complicación con gran afectación na calidade de vida das persoas, e cun alto custe sanitario, económico e social», explica o doutor Hernández-Lahoz.

Precisamente, un dos obxectivos principais da nova Unidade e diminuír os ingresos e amputacións nos pacientes diabéticos, así como o número de pacientes cunha incapacidade laboral permanente. Para isto, os factores claves son a prevención, un tratamento precoz do pé,  e o control de factores de risco cardiovascular nos pacientes diabéticos.

Neste aspecto, o doutor Encisa de Sá reitera que a prevención desde Atención Primaria é un dos aspectos máis importante xa que «un correcto manexo da diabetes mellitus consegue que a enfermidade progrese de maneira moito máis lenta e que existan menos complicacións. Cos médicos de Atención Primaria levamos tempo traballando na mellora da atención a esta complicación, e actualmente teñen á súa disposición a consulta telemática, a e-interconsulta, para remitir ao servizo de cirurxía vascular de xeito preferente a aqueles pacientes con sospeita de mala evolución».

Incremento da diabetes

diabetes mellitus é unha enfermidade cunha prevaleza do 7-10% da poboación. Esta incidencia incrementouse nos últimos anos fundamentalmente pola obesidade, o envellecemento da poboación e os malos hábitos dietéticos. Afecta a case seis millóns de persoas en España e aproximadamente a 250.000 habitantes de Galicia.

Os pacientes diabéticos poden presentar múltiples complicacións en distintos órganos diana, como a retinopatía, nefropatía, enfermidade coronaria, vascular cerebral e enfermidade arterial periférica.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.