Cultura Vigo al minuto

‘Rulo’, un can maltratado, recupérase no Centro de Acollida da Deputación

Foi rescatado en Redondela con risco de perder a vida

“Rulo” é un exemplar de bulldog francés que leva desde outubro de 2019
no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra, logo de que fora rescatado en Redondela en condicións
lamentables e con risco de perder a vida por unha situación de maltrato.

Neste senso, o Seprona comisara os animais ao seu dono, a quen se instruíra unha denuncia por abandono que aínda está pendente de resolución xudicial.

O bulldog, ao igual que a boxer co que foi rescatado, se estaba a recuperar perfectamente no centro de acollida da Deputación pero nos últimos meses detectáraselle unha hernia discal, unha doenza habitualmente asociada á súa raza, que ameazaba con deixarlle severos problemas de mobilidade, polo que o persoal do CAAN decidiu abordar unha intervención cirúrxica.

A operación levouse a cabo hai uns días e resultou satisfactoria, malia que aínda é pronto para saber se o seu grao de recuperación vai ser do cen por cen. De momento Rulo xa comezou a traballar nos exercicios de fisioterapia e segue a evolucionar favorablemente.

Á historia de “Rulo” aínda lle quedan pasos para ter un final feliz. A
súa futura posta en adopción depende aínda da decisión xudicial no proceso que se abrira contra o seu dono, xa que ata o momento o animal está só en réxime de custodia polo Centro da Deputación e é necesario que a sentenza declare o seu estado de abandono como trámite previo para que poida comezar a busca dun novo fogar.

Te podría interesar