O Concello aceptou a doazón da Congregación das Franciscanas de espazo correspondente ao Colexio Mariano para ensanchar a rúa Talude en case 2 metros.
“Era importante ter unha doazón de solo para poder ampliar a rúa Talude, que salva un importantísimo desnivel, como o seu nome indica; necesitamos ampliala un pouco e o colexio nos cede unha parte do seu espazo”, comentou hoxe o alcalde.
Escaleiras mecánicas
Unha vez recibido o terreo, o goberno de Vigo está en condicións de aprobar o proxecto de remodelación e construción dunhas escaleiras mecánicas que permitirá conectar Urzáiz con San Roque e a parte alta da rúa Colombia.
Ao efecto, o Concello reserva 750.000€ e, tal e como adiantou Abel Caballero, presentará ante Europa este novo proxecto do “Vigo Vertical” para a obtención de fondos da Unión.