A Deputación de Pontevedra aprobará este venres as axudas para os clubs deportivos federados que compiten no ámbito nacional. En total serán 850.000 € que se achegarán a 90 entidades de atletismo, baloncesto, balonmán, ciclismo, fútbol sala, fútbol, rugby, tenis de mesa, voleibol, judo e outras modalidades deportivas asentadas en 24 concellos da provincia.
Este ano as achegas incrementáronse en 75.000 € con respecto ao ano pasado, un 9,7% máis, e beneficiaranse delas nove clubs máis que no 2020.
Equiparación total entre clubes masculinos e femininos
Por vez primeira estas achegas da Deputación de Pontevedra equiparan por completo os recursos e as contías que reciben os equipos femininos e os masculinos. Isto supón que os clubs femininos e masculinos percibirán os mesmos recursos: entre os 25.000 € de contía máxima aos preto de 1.600 de contía mínima.
O balonmán á cabeza
A maior partida irá para os clubs de balonmán, con 225.000 € distribuídos entre 13 equipos; seguida dos de fútbol que recibirán 190.000 € a repartir entre 15 clubs. Un total de 6 equipos de baloncesto recibirán 110.000 € e 24 clubs de diferentes modalidades deportivas (bádminton, volei, natación, surf, baile, etc.) beneficiaranse de 109.000 €.
Pola súa banda 13 equipos de ciclismo recibirán 90.000 €, oito de fútbol
sala 35.000 €, dous de atletismo 24.000 €, cinco de tenis de mesa 22.000 €, dous de judo 18.000 €, un de voleibol 17.000 e outro de rugby 10.000 €.
Comarca de Vigo
Por comarcas máis de 450.000 € irán dirixidos a 46 clubs deportivos da
comarca de Vigo pertencentes aos concellos de Vigo, Redondela, O Porriño,
Nigrán e Mos; preto de 130.000 irán a 14 clubs da comarca de Pontevedra dos concellos de Pontevedra e Marín; máis de 110.000 € destinaranse a dez clubs da comarca do Salnés e zona de Arousa dos concellos de Vilagarcía, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Catoira e Cambados; 60.000 € distribuiranse entre 6 equipos do Morrazo asentados en Bueu, Cangas e Moaña; máis de 45.000 € a 4 entidades deportivas das comarcas de Deza e Terra de Montes, con sede en Lalín e A Estrada; 35.000 € a 6 equipos das comarcas do Condado e da Paradanta dos concellos das Neves, Ponteareas e A Cañiza e preto de 35.000 € a tres equipos da comarca do Baixo Miño asentados en O Rosal, Oia e A Guarda.
2,6 millóns en subvencións deportivas
A Deputación de Pontevedra incrementou para este 2021 ata un 4,1% as subvencións deportivas que superan en total os 2,6 millóns de €.
Así, xunto ás axudas aos clubs de elite, que superan os 678.000 €, amais das dirixidas a clubs deportivos federados de ámbito nacional que van ser aprobadas este venres, están a piques de resolverse as subvencións ao deporte náutico, clubs de ámbito inferior a nacional e fútbol preferente.
DepoDan e DepoPromesas
Amais, a Deputación mantén outra liña de apoio ao deporte a través
das bolsas DepoDan e DepoPromesas, para as que xa se poden solicitar ou
renovar as categorías, e unha liña de axudas para a organización de actividades e eventos deportivos.
En total, este ano serán 3,1 millóns de € os recursos que a Deputación de Pontevedra achegará ao fomento do deporte na provincia.