A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar un novo investimento por preto de medio millón de euros (486.654€) do Plan Concellos para Arbo, Cambados, A Illa de Arousa e Forcarei.
Esta cantidade está destinada a financiar a mellora da infraestrutura viaria e de diferentes equipamentos municipais. Nos dous casos os mesmos presentan importantes problemas causados polo paso do tempo e é necesario acometer a súa mellora.
Arbo
En concreto, con esta nova dotación de recursos, o concello de Arbo poderá
acometer as obras de mellora de dous camiños públicos do viario municipal en Cequeliños, cunha achega da institución provincial de 89.768€.
As actuacións consistirán na mellora e ensanche destes camiños, así como a mellora do drenaxe.
Cambados
Cambados recibirá unha achega de 119.528€ do Plan Concellos para abordar a remodelación da Praza da Xuventude, situada no centro da vila. Esta actuación responde á necesidade de reparar as filtracións de auga que afectan á primeira planta do aparcadoiro situado baixo a praza, producidas debido a unha ineficaz impermeabilización.
Forcarei
Así mesmo, o concello de Forcarei percibirá unha achega de 89.166€ para
acometer a mellora do camiño de acceso a parcelas en Rabadeiras, na parroquia de Santa María de Dúas Igrexas, dun total de 2,1 quilómetros.
A Illa de Arousa
Por último, A Illa de Arousa recibirá do Plan Concellos dúas achegas, a primeira de 120.000€ para a mellora do illamento do pavillón deportivo municipal e outra por 68.190€ para a mellora do mobiliario dos xogos dos parques infantís das Laxes, Monte e Cabodeiro.
No primeiro caso, acometerase a impermeabilización das fachadas e cambio de carpintería exterior desta instalación deportiva, así como a revisión da cuberta para evitar a filtración de auga. E no que atinxe aos parques infantís, teñen unha antigüidade de media de preto de 20 anos.