O BNG de Vigo acusa o Concello de Vigo de conceder “ a dedo” 8 de cada 10 subvencións e “non a través de procesos transparentes e de libre concorrencia”.
Segundo o voceiro municipal do Bloque esta é unha das conclusións do Informe do Consello de Contas de Galicia, coñecido hoxe. O mesmo recolle o resultado da fiscalización das contas do Concello de Vigo, correspondentes a 2018.
“Sen resposta” do Goberno local
Xabier P. Igrexas interpelou esta mañá, na Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda, o Goberno pero, asegura, non obtivo resposta de ningún dos seus membros.
O rescate do Auditorio “costou 35,2 millóns” aos vigueses
Igrexas cualifica de “graves” algunhas das conclusións e advertencias recollidas no informe do organismo supervisor. En primeiro lugar, sinala, o Consello de Contas “vén confirmar que a operación de rescate do Auditorio Mar de Vigo foi un negocio ruinoso para a cidade“.
Neste sentido, apuntou que os 35,2 millóns de euros que houbo que destinar a esa operación supuxeron o incumprimento da regra de gasto e do déficit.
Exactamente, o informe do Consello di “a liquidación orzamentaria do exercicio 2018 pon de manifesto que se incumpre o obxectivo
de estabilidade orzamentaria”. E engade que o exercizo de 2018 acabou cun déficit de de 6.609.945,80€.
“A causa do incumprimento foi a aplicación do importe da liquidación do contrato de concesión de obra pública para a construción e explotación do Auditorio-Pazo de Congresos por un importe de 35.214.290,04 euros“.
Segundo o Consello de Contas, “polo mesmo motivo, tamén se incumpre o obxectivo da Regra de Gasto” do exercicio 2018. En concreto, apunta, “superou o límite máximo de gasto non financeiro […] na cantidade de 18.514.737,77euros”
Para o BNG esta é a consecuencia do modelo “privatizador” impulsado para a posta en marcha do Mar de Vigo. A este respeito, Igrexas lembra como “Feijóo e Caballero rivalizaron até o final para ver quen lucía máis na foto da inauguración e que nome ía antes na placa“.
Falla “estrutural” de persoal municipal
Igrexas tamén considerou “moi preocupante” a advertención do Consello de Contas en relación a estrutural falla de persoal municipal que supón unha evidente limitación para o estrito cumprimento da normativa e a adecuada xestión dos recursos públicos.
Outro dos aspectos sobre os que o portavoz municipal nacionalista defende que o Goberno de Abel Caballero debe “dar a cara” e acusa ao Concello de Vigo de conceder “a dedo” 8 de cada 10 subvencións, “con carácter nominativo, e non a través de procesos transparentes e de libre concorrencia como marca a lei”.
“Abuso de contratos menores”
Por último, Igrexas remarca a advertencia do Consello de Contas no relativo ao “evidente abuso dos contratos menores” por parte do executivo local, e que ten motivado reiteradas críticas do BNG no Pleno. A este respeito, o informe sinala expresamente que moitos destes contratos poderían estar subscritos de xeito “contrario a dereito”, xa que ao ser gastos previsíbeis deberan licitarse a través de procesos de contratación abertos.
“O que nos di o Consello de Contas e do que non quere falar Abel Caballero é que na xestión económica do Concello hai moitas sombras. Luces, apenas as do Nadal“, remachou.