‘É o teu momento’, a chamada da Deputación de Pontevedra a viaxar ás Rías Baixas – Pontevedra Provincia que emocionou hoxe en FITUR 2021.
A institución provincial sorprendeu cunha atractiva presentación na que estreou o vídeo oficial da campaña, protagonizado pola artista Wöyza. No acto tivo especial protagonismo o sector turístico do destino, que “demostrou unha gran fortaleza e responsabilidade en tempos moi difíciles”.
Mirando ao futuro de “maneira moi optimista”
“O seu comportamento foi exemplar e fainos mirar cara o futuro de maneira moi optimista”, subliñou a presidenta Carmela Silva.
É o teu momento
Nun ano con fortes restriccións en FITUR, a Deputación apostou polo audiovisual para compartir co público a beleza das Rías Baixas, a súa cultura, patrimonio, gastronomía e Camiños de Santiago.
A xornalista Noa García encargouse de conducir a presentación, que xunto á estrea de “É o teu momento” incluíu a proxección doutros tres vídeos inéditos. Unha das pezas é un recoñecemento ao sector no que a presidenta, o xerente do Club Náutico de O Grove, Miguel de la Cierva, e a xerente de Alecrín Turismo de Natureza, Ana Vázquez, reflexionan sobre os atractivos das Rías Baixas e o presente e o futuro de turismo neste destino.
O terceiro dos vídeos resume a campaña “momentos Rías Baixas”, na que máis de 2.400 persoas subiron xa ás redes sociais imaxes dos seus recordos especiais na provincia de Pontevedra.
Por último, un vídeo coa peza musical “Libre” de Wöyza coa Ría de Vigo como telón de fondo que puxo a guinda musical perfecta ao acto da Deputación.
Un destino para os 365 días do ano
A presidenta salientou que “É o teu momento” é unha campaña “que toca emocións e chega ao corazón”. “Fala dun lugar máxico, dun verdadeiro paraíso coidado por un sector do que temos que sentirnos moi orgullosas e orgullosos”, continuou, para amosarse convencida de que “o turismo vai crecer de forma exponencial na provincia, porque este é un gran destino”.
“Se queren recuperar a felicidade despois dun tempo tan difícil, se queren desfrutar dun lugar que namora e non deixa a ninguén impasible, non poden deixar de regresar. Esperámosvos cos brazos abertos”, proclamou.