Máis de 1.000 persoas poderán gozar este verán das visitas caracterizadas e
teatralizadas ao Castelo de Soutomaior.
Visitas caracterizadas e teatralizadas
A presidenta da Deputación lembrou hoxe que estas actividades arrancan este domingo, 30 de maio, e estenderanse ata setembro. Trátanse de propostas dirixidas ao público adulto, no caso das visitas caracterizadas, e ao familiar, no caso das teatralizadas, que “ofrecen un xeito diferente de coñecer o castelo”.
Carmela Silva apuntou que xa están dispoñibles as entradas en www.castelodesoutomaior.com, asegurando que “damos xa o pistoletazo de saída e estas iniciativas que tiveron tanto éxito nas anteriores edicións”. A presidenta salientou que as memas van encamiñadas ao turismo familiar, a valorizar o Castelo de Soutomaior e a “impulsar experiencias nunha contorna inigualable”.
Visitas caracterizadas
As visitas caracterizadas, a cargo de Aguias e dirixidas ao público adulto,
comezan este domingo, 30 de maio, e estenderanse ata o 25 de agosto.
No percorrido, de 60 minutos de duración, as persoas que se acheguen ao castelo camiñarán polo seu parque botánico e o xardín de excelencia internacional, así como coñecerán as árbores senlleiras, o xardín francés, as sequoias ou os viñedos da man de tres mulleres caracterizadas como María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Emilia Lluria, quen explicarán as súas vivencias, anécdotas e algún que outro segredo.
As visitas terán lugar o 30 de maio; os días 6,13, 20 e 27 de xuño;
o 8, 14, 21 e 28 de xullo e o 4, 11, 18 e 25 de agosto en dous pases diarios ás 11 e 13 horas.
Visitas teatralizadas
No caso das visitas teatralizadas, a cargo de Troula e dirixidas ao público
familiar, comezan o sábado 5 de xuño, e estenderanse ata o 6 de setembro.
No percorrido, de 60 minutos de duración, as familias coñecerán a historia do castelo a través da peza “Irma e Diña” na que aparecerán personaxes tan coñecidas como Pedro Madruga, Paio Gomes e as labregas Irma e Diña, que poñen nome á representación e presentarán a dobre visión da historia dende o punto de vista da nobreza e das/dos labregas/os.
Trátase dunha actividade participativa, educativa, dinámica e divertida, na que se coñecerá a historia e peripecias de Pedro Madruga. O seu leal acompañante, Paio Gomes, será o encargado de poñer música ás andainas e aventuras de Madruga, así como tamén ás historias doutras figuras fundamentais no Castelo como María Vinyals.
Xunto a Pedro Madruga e Paio Gomes compartirán protagonismo as labregas Irma e Diña, que contarán a historia do pobo, as costumes e formas de vida das galegas do século XV, poñendo o aceno no importante papel desenvolvido polas mulleres labregas na historia.
As visitas caracterizadas terán lugar en xuño os días 5, 12, 19 e 26 en
dous pases diarios ás 16.30 e 18.00 horas. En xullo, agosto e setembro haberá catro pases ás 11.00, 13.00, 17.00 e 18.30 horas os días 5, 12, 19 e 26 de xullo; o 2, 9, 23 e 30 de agosto e o 6 de setembro.
O prezo para participar en cada una das actividades é de 8 € por persoa e poden adquirise desde hoxe mesmo en www.castelodesoutomaior.com.
Ofertaranse 15 prazas por cada pase de tal xeito que haberá dispoñibles 660 prazas para participar nas visitas teatralizadas e 390 para as caracterizadas.
Dende 2016
A Deputación de Pontevedra iniciou o programa de visitas teatralizadas ao
Castelo de Soutomaior en 2016 e, dende aquela, participaron xa preto de 2.500 persoas na actividade.
No caso das caracterizadas, as primeiras foron no 2019, centradas na temática da “Camelia e moda”.