Vigo sitúase no mapa mundial das artes escénicas, logo de que a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, situada en Vigo, no barrio de Navia, fora admitida no Instituto Internacional do Teatro (ITI).
Trátase dunha selecta organización da UNESCO que forma unha rede de excelencia na educación en artes escénicas e de colaboración internacional.
Deste modo, a ESAD de Galicia convértese na única escola de arte dramática do Estado representada no ITI. Isto supón que, de feito, representa a España nos encontros internacionais que se celebran anualmente.
Máis de cinco anos de traballo
O Departamento de Mobilidade e Transición da ESADG, leva máis dun lustro potenciando a proxección exterior da escola. Para iso, favoreceu intercambios de profesorado coas máis prestixiosas institucións de educación europeas. Deste xeito, conseguiu proxectar a escola a nivel internacional, grazas ao proceso iniciado polo profesor doutror Fernando Llera.
Trátase dunhas relacións que xa se estaban a tecer a través do Erasmus+, un programa de intercambio no que alumnado e docentes doutros países veñen a Vigo para completar a súa formación e viceversa. Con esta integración no ITI/UNESCO estas relacións amplíanse a países dos cinco continentes.
Rede de Educación Superior en Artes Escénicas
A institución procura a integración das artes escénicas en tódolos niveis da educación: defende unha financiación axeitada para os proxectos; considera o teatro como ferramenta de construción e desenvolvemento de comunidades máis xustas e asertivas, e coida pola preservación do patrimonio material e inmaterial ligado ás artes.
A Escola Superior de Arte Dramática pasa a formar parte da Rede de Educación Superior en Artes Escénicas da UNESCO onde os países integrantes toman decisións que deberán ser adoptadas polos estados-membro. Vigo sitúase no mapa mundial das artes escénicas.
O próximo encontro celebrarase en Dubai no 2022 a onde acudirá unha comitiva da ESAD de Galicia. Neste congreso, no que participarán 87 países a ESADG será a voz das escolas de arte dramática de todo o Estado.