O Concello de Redondela contrata a once persoas que realizarán traballos de limpeza de viais municipais.
Este martes, día 1, comezaron o seu cometidos en brigadas encargadas dos labores de roza nos camiños e estradas de Redondela. Serán 11 persoas en situación de desemprego, contratadas a través do Plan Concellos, as que realicen este labor. Ata hoxe, este cometido encargábase a unha empresa.
Tres brigadas e dous tractores
Os traballos de roza, sinalou o concelleiro de Vías e Obras, serán desenvolvidos tres brigadas. As mesmas estarán compostas por dúas persoas, con maquina desrozadora a pe, e dous operaios de limpeza de beiravías e recollida de maleza. Os equipos contarán co reforzo de dous tractores de rozado en altura.
Cómpre salientar que, para evitar a acumulación de restos, contarán con dous Dumper mecanizados para a recollida de ditos refugallos, que tranpórtaranse diariamente, ao lugar de xestión. Todas as persoas participantes recibiron un curso sobre prevención de riscos laborais.
Veciñas e veciños en situación de desemprego
O feito de que sexan veciñas e veciños en situación de desemprego os que se encarguen dos traballos de roza, permite ao Goberno local acadar dous obxectivos. “Por unha banda –explica a alcaldesa, Digna Rivas,– axilízase a contratación e ofrécese un respiro ás veciñas e veciños que están en situación de desemprego; por outra, optimizamos o servizo de limpeza e rozado das vías e camiños municipais”.
Retén de mantemento
Unha vez se rematen os traballos en todas as parroquias, manterase o denominado ‘retén de mantemento’, que sí realizará unha empresa.