Vigo recibirá 2,3 millóns menos do que agardaba pola caída de ingresos no transporte público que, dacordo co Goberno municipal, serán para compensar a Vitrasa. Hoxe coñeceuse que serán, finalmente 5,7 millóns.
Esta cantidade súmase aos 2,2 millóns que o Concello pagou xa á concesionaria, ainda que en conxunto non chegan aos 9,5 millóns que Vitrasa estima que perdeu durante a pandemia.
Lonxe da estimación do Concello, que agardaba 8 millóns
A cantidade aprobada polo Goberno está lonxe dos 8 millóns que o alcalde estimaba a principio de ano. Tampouco hai unha aclaración sobre si do que hai que pagar a Vitrasa vaise a descontar a cantidade que a empresa recibiu do Goberno cando presentou un ERTE na súa plantilla.
13,8 millóns do Goberno central para as cidades galegas
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe os 13,8 millóns de euros que vén de conceder o Executivo a cidades galegas pola caída de ingresos do transporte público a causa da pandemia. “Con estas axudas directas recoñecemos o esforzo tamén excepcional que fixeron e seguen a facer os gobernos locais para seguir prestando servizos esenciais para a cidadanía nos momentos de crise sanitaria”, explicou o delegado.
José Miñones insistiu en que o Goberno “está cos concellos como protagonistas que son na vida cotiá das persoas” e lembrou outras medidas adoptadas que beneficiaron aos gobernos locais, como a suspensión das regras fiscais, que lles permite usar os remanentes de tesourería, ou os recursos incluídos nos Orzamentos. Ademais, coa actualización das entregas a conta da participación nos tributos do Estado, ingresarán un 3% máis que en 2020.
O BOE de hoxe publica o Real Decreto polo que se conceden subvencións a municipios que prestan o servizo de transporte público. Segundo o mesmo, cinco cidades galegas recibirán 13.817.582,35€, cantidade acordada en función da información achegada polos propios concellos sobre os ingresos do servizo do transporte urbano no ano anterior á pandemia, o 2019.
Esta cantidade corresponde ao 40% do que facturaron estes servizos nese ano, que é o que se estima que deixaron de ingresar polas restriccións de mobilidade e outras derivadas da pandemia.
Provincia | Entidades locales | Ingresos computables | Subvención concedida |
Coruña, A. | Coruña (A). | 13.618.874,89 € | 5.447.549,96 € |
Lugo. | Lugo. | 952.857,71 € | 381.143,08 € |
Ourense. | Ourense. | 2.614.073,40 € | 1.045.629,36 € |
Coruña, A. | Santiago de Compostela. | 3.115.439,37 € | 1.246.175,75 € |
Pontevedra. | Vigo | 14.242.710,49 € | 5.697.084,20 € |
TOTALES | 34.543.955,86 € | 13.817.582,35 € |