Organizacións veciñais, sociais e ecoloxistas concentraranse o sábado 19 de xuño ás 12h nos peiraos de Vigo, A Coruña, Barcelona, Palma e Valencia para que o Goberno prohíba a entrada dos cruceiros nos portos españois por razóns sanitarias, de saúde pública e de emerxencia climática.
España é o segundo país europeo con máis emisións de efecto invernadoiro procedente dos barcos e o primeiro máis contaminado por cruceiros.
11 millóns de pasaxeiros
En 2019, uns 11 millóns de pasaxeiros chegaron a bordo de 4.236 cruceiros a España. En Galicia concentráronse en A Coruña e Vigo que están situados a tan só 40 quilómetros do Corredor Marítimo de Fisterra. Un corredor polo que navegan 40.000 barcos anualmente. Aínda así, na Coruña proponse ampliar as atracadas de cruceiros coa desafectación dos terreos portuarios situados no centro da cidade e máis aterramentos da ría en Vigo. Esta situación, apuntas os ecoloxistas, incrementa as emisións poñendo en alto risco a saúde da poboación.
Portos abertos dende o 7 de xuño
As organizacións convocantes piden que o Goberno prohíba a entrada de cruceiros e deixe sen validez a resolución que permite o seu atrque dende o 7 de xuño.
Consideran a actividade de cruceiros “incompatible coa protección da saúde e o medio ambiente”, por ser un turismo de altas emisións contaminantes (SOx, NOx e Partículas ultrafinas); por ser unha “actividade extractivista polo uso intensivo de recursos naturais como a auga“; por ser unha “explotación industrial” que causa enormes impactos sobre as poboacións destinatarias e os ecosistemas litorais e mariños.
Recheos no Porto de Vigo
As organizacións convocantes tamén expresan o seu rexeitamento aos plans de ampliacións de peiraos mediante recheos no mar, como os anunciados polo Porto de Vigo.
Denuncian tamén a operación de maquillaxe verde dos cruceiros e os portos con “falsas solución tecnolóxicas como o gas natural licuado, o biometano ou o hidróxeno verde”; que ademais de ser inviable, “terían enormes impactos climáticos, sociais e ecolóxicos”.
Chamamento á Xunta e ao Concello
Así mesmo, instan a administración autonómica e local a situarse ao lado da cidadanía e o interese común. Lembran, así, as súas competencias sobre medio ambiente, saúde e turismo,e piden que se opoñan ás ampliacións portuarias e ao turismo de cruceiros.
Asemade, as organización fan un chamamento especial á cidadanía para que tomen conciencia dos impactos do turismo de cruceiros. Non só por constituír un elemento de risco para a propagación e os novos gromos do Covid-19, tamén polos impactos irreversíbeis sobre a nosa saúde e a do territorio.