“Banda sonora en modo orquestra do Titanic”, así cualifica o BNG a “pretendida campaña” de apoio ao comercio de Vigo.
Para o Bloque o anuncio de Abel Caballero de actuacións musicais nos barrios, “non dá resposta ás demandas do sector que leva desde o inicio da pandemia demandando axudas directas”.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reaccionou ao anuncio do saudando positivamente coma unha “rectificación da política de desertización cultural” que practica o goberno local. Neste sentido, lembrou que entre outros programas, liquidouse o MoveVigo, que se desenvolvía en colaboración co movemento veciñal; ou o ‘Vigo a Escena’.
Unha medida que no é a que reclaman os comerciantes
Para o concelleiro do BNG, esta medida non atende o reclamo do sector comercial: liñas de axudas directas.
“O que precisa o pequeno e mediano comercio son axudas reais e efectivas, como as que están a despregar outros concellos”. Pero, apunta, Abel Caballero,“o que lles ofrece é unha banda sonora en modo de orquestra do Titanic para acompañar musicalmente o feche de estabelecementos e que sigan aparecendo cada día máis carteis de ‘alúgase’ ou ‘véndese’ for ceses de actividade”.
Vigo, única cidade que non deu un euro de axudas ao comercio
Desde a fronte nacionalista subliñan que Vigo é a única cidade galega que “non destinou nin un só euro en axudas directas para amortigüar o durísimo impacto da crise derivada da pandemia”.
O BNG propuxo xa no inicio da pandemia a posta en marcha dunha Estratexia Local de Promoción Económica e do Emprego. A mesma pedía unha partida de 10 millóns para axudar ao comercio e a hostalaría. Recentemente, o Bloque demandou tamén a exención da taxa do lixo anunciada só para a hostalaría e locais de lecer nocturno.