O Concello de Redondela vén de formalizar, ante notario, a compra da parcela situada a carón do convento de Vilavella, un paso imprescindible para a realización do “ambicioso proxecto que transformará completamente a Praza de Ponteareas”.
O prezo final estableceuse en 449.350 euros dos que 416.226 euros serán achegados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2019. Trátase dun solar de preto de 4.000 metros cadrados no que se creará “unha nova zona de lecer e un aparcadoiro disuasorio“, explica a alcaldesa Digna Rivas.
A “estratéxica situación do aparcadoiro disuasorio” –xusto na entrada do centro urbano– permitirá a desmasificación de estacionamentos de vehículos que, diariamente, se produce nas beiravías da estrada. Este aparcadoiro complementará aos dous aparcadoiros libres existentes no casco urbano reforzados polo aparcadoiro soterrado da Xunqueira.
Dobre obxectivo
Coa compra desta parcela, o Concello de Redondela cumpre un dobre obxectivo: por unha banda gáñase un novo espazo para a cidadanía e por outra, derrúbase unha nave situada a carón dun ben patrimonial como é o convento de Vilavella. A maiores, a actuación ten un beneficio medioambiental engadido xa que o solar linda co río e conecta co paseo do Salgueiral.
Lembra o Concello que o convento de Vilavella é unha das tarxetas de presentación de Redondela “tanto pola situación estratéxica no punto en que conflúen as estradas que veñen dende Vigo e O Porriño, coma polo feito de estar inventariado como Patrimonio Cultural de Galicia. Non se pode esquecer que se trata dun edificio conventual da orde das Justinianas, fundado pola familia Prego de Montaos a comezos do século XVI e que aínda conserva, desa época, a igrexa composta por un ábside e unha soa nave.
Para a posta en valor de toda a zona, o Goberno local conta xa cun proxecto redactado polo estudo Gándara y Pons Arquitectos. As obras, que contarán cun investimento de 2.5 millóns de euros, contempla unha gran praza central na que se integrará o convento con espazos axardinados que resaltarán o vínculo existente entre Redondela e o Camiño de Santiago.
“Redondela é o cuarto municipio da provincia pero, amais de selo, ten tamén que parecelo”, explica a alcaldesa Digna Rivas. “A Praza de Ponteareas, como entrada natural ao casco urbano dende Vigo e O Porriño e entrada tamén do Camiño Portugués e Camiño Portugués pola Costa, e tamén a nosa tarxeta de presentación, polo que compre un proxecto acorde á importancia do noso municipio”.