Comarcas

Redondela homenaxea esta fin de semana ás ‘Mulleres da Illa de San Simón’

Hoxe trasládase a Cesantes a mostra fotográfica ‘As mulleres da illa de San Simón. A solidariedade é feminina’

O Concello de Redondela ten programados, para esta fin de semana, distintas actividades na liña de seguir homenaxeando e poñen do en valor “a solidariedade, humanidade e heroísmo, das mulleres que foron un raio de esperanza para os presos políticos que esperaban un futuro máis que incerto na Illa de San Simón e no barco prisión Upo Mendi”.

Este venres 16 de xullo, trasládase a Cesantes a mostra fotográfica ‘As mulleres da illa de San Simón. A solidariedade é feminina’ que ata o de agora estivo exposta na Alameda Castelao. Aproveitando o seu traslado celebrarse o acto inaugural da mostra, inicialmente previsto para o 16 de abril –data na que se instalou na Alameda Castelao– pero que tivo que ser adiado por mor do mal tempo.

Nesta inauguración aprazada contarase coa presenza da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e representantes do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, que colaborou na identificación das mulleres de Cesantes que axudaron aos presos. Precisamente este traballo do Obradoiro Fernando Monroy foi fundamental á hora de que a exposición, unha vez instalada en Cesantes, conte con 9 novas fotografías doutras tantas mulleres da parroquia que formaron parte desa rede solidaria das Mulleres da Illa.

En San Simón

Doutra banda, o sábado 17 de xullo o Concello de Redondela organiza a homenaxe institucional ás mulleres da illa de San Simón. O acto será pola tarde na propia illa e intervirá Cecilia Orge para glosar e falar da historia das mulleres solidarias de San Simón; a presidenta da Deputación, Carmela Silva e a alcaldesa Digna Rivas. Ademais a música estará a cargo de Antía Muíño.

As circunstancias da pandemia obrigaron a limitar a 200 persoas o número de participantes. Desta maneira poderán acudir apenas dúas persoas por familia, representantes dos colectivos que colaboraron na homenaxe e representantes de distintas institucións.

También te puede interesar