Oriana Méndez, concelleira de Marea de Vigo, emprazou á Xunta a que “resolva rapidamente o relativo as súas competencias en Educación, e ao Concello a que axilice a nova localización da escola infantil Santa Marta”.
Méndez apunta a que o venres irá ao Pleno a aprobación definitiva da modificacion puntual do PXOM para a reordenación do ámbito do Barrio do Cura “sen ter resolta a ubicación da escola infantil de Santa Marta, previsiblemente proxectada no Instituto Municipal de Educacion”.
Á vista desta situación, insta ao Concello a “aclarar de xeito inmediato o futuro da escola e á Xunta a que responda ao proxecto enviado polo Concello”.
A construción da escola é obrigatorio
Segundo o convenio urbanístico, é obrigatorio a construción dunha nova escola no ámbito do barrio, “de feito non facelo sería un delito”. O problema agora, sinala a concelleira de Marea de Vigo, “tal e como auguramos no pasado mes de febreiro, é o tempo entre a demolición da actual escola e o funcionamento da nova, a situación do persoal e as alternativas para os pais e nais” .
Ao seu entender, “era fácil ter unha previsión sobre como e cando ian empezar as obras, sobre e como e cando se produciría o traslado á nova escola infantil”.
Oriana Méndez advirte de que, de non mudar a situación actual, “ao final si que imos ser a primeira cidade do Estado que pecha e destrúe prazas de ensino público de 0 a 3 anos”.