O Concello de Redondela mantén aberto prazo para solicitar axudas de comedor escolar e para a adquisición de libros e material curricular para o alumnado de Educación Infantil da segunda etapa (de 3 a 5 anos) para o curso 2021/2022.
Comedor Escolar
No caso das axudas para o comedor escolar, o prazo pecharase o día 23 de agosto e están destinadas ás unidades familiares e de convivencia cuxas menores ou menores estean escolarizadas en centros públicos do concello de Redondela e que cursen o 2º ciclo de Educación Infantil ou Educación Primaria.
As axudas cubrirán o período comprendido dende o comezo do curso escolar en setembro de 2021 e ata o remate do curso escolar, en xuño do 2022, aínda que se teñen en conta as posibles prórrogas por alertas sanitarias ou de outro tipo. As bases, ao completo, poden consultarse no BOPPO (Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra) nº 137 do martes, 21 de xullo de 2021.
Libros e material escolar
O prazo para as axudas destinadas á adquisición de libros e material curricular para alumnado de Educación Infantil da segunda etapa de (3 a 5 anos), estará aberto ata o día 10 de agosto e están destinadas a colectivos con carencias económicas, co fin de paliar os gastos que supoñen a escolarización dos membros da familia.
Con estas axudas subvenciónanse a adquisición de libros e material escolar de Educación Infantil (segunda etapa) para o alumnado matriculado en centros docentes públicos de Redondela. Outórganse respectando os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade establecendo un procedemento que tenta ser áxil, eficaz e breve no tempo. As bases poden consultarse no BOPPO nº 138 do mércores 21 de xullo de 2021