O mes do setembro non fai que a cultura e o deporte decaian na provincia, de feito, esta semana a Deputación ten programadas ata 14 accións para un total de nove municipios. Os concellos do Grove, Porriño, Tui, Vila de Cruces, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Gondomar e Bueu acollerán actividades dos programas “Rías Baixas Film Fest”, “Musigal”, “Música no Ar”, “Bosques Terapéuticos”, “Voando nas Rías Baixas” e “Depo Orienta”. Ademais, a exposición do ente provincial “A gaita na música tradicional galega”, estará aberta ao público nas Xornadas Etnográficas do Morrazo ata o 11 de setembro.
Rías Baixas Film Fest 2021
O prato forte da programación cultural desta semana marca o seu inicio este xoves 2, coa apertura do primeiro dos “Rías Baixas Film Fest” 2021. Terá lugar ás 20.00, coa inauguración do Festival de Cans, e estará marcada pola proxección do filme “Donde acaba la memoria”, do vigués Pablo Romero co protagonismo do hispanista Ian Gibson.
Cine, cine, cine, más cine, por favor
Ata decembro, o emblema audiovisual da Deputación completará o seu cartel cos festivais FicBueu (10-19 setembro); Primavera do Cine (7-12 setembro); Play-Doc (22-26 setembro); Festival de Cine Inclusivo (12-16 outubro); Galician Freaky Film (29-2 outubro) e Novos Cinemas (14-19 decembro).
Venres, 3
En Cans este venres terá lugar ás 12.30 en Porriño un coloquio aberto ao público con Ian Gibson e, unha hora máis tarde, a colocación da Estrela que se lle dedica no Torreiro. Pola noite, ás 21.00, “Musigal” amenizará a noitada no concello do Grove coa actuación de Budiño; e na Igrexa de Bouzas en Vigo se proxectará ás 21.30 a película “María Soliña”.
Sábado,4
O sábado iniciarase ás 10.00 en Tui cun itinerario enmarcado no programa “Bosques Terapéuticos”. A ruta do Monte Aloia percorrerá o Parque Natural da Serra do Galiñeiro, cuxa atalaia acada os 700 metros de altura e conta con máis de 5 miradoiros con extraordinarias vistas sobre o río Miño.
No terreo musical, ás 21.30, “Musigal” achega o concerto de Balbino ao municipio de Vila de Cruces. Máis tarde, ás 22.30, celebrarase a Gala Final e entrega de premios do Festival de Cans, que contará coa actuación musical de SÉS.
Domingo, 5
Finalmente, o domingo 5, comezará ás 9.30 en Cerdedo-Cotobade cunha nova actividade ornitolóxica de “Voando nas Rías Baixas”, que se desenvolverá na Serra de O Cando.
Ás 10.00 terá lugar outra ruta de “Bosques terapéuticos” da Deputación, esta vez en Ponte Caldelas. O Sendeiro Azul do río Verdugo, unha ruta de máis de 1,8 quilómetros de dificultade baixa, consistirá nunha senda circular que parte da praia fluvial da Calzada e transcorre ás beiras do río enxalzando os seus valores naturais e paisaxísticos, entre os que sobresaen as pontes e muíños.
Tamén as 10.00, o programa provincial “Depo Orienta”, que ten como obxectivo que os seus/as participantes realicen no menor tempo posible e a contra reloxo un percorrido marcado no terreo coa única axuda dun mapa, ofrece a primeira das súas rutas no Monte Galiñeiro.
Ás 19.00, a Praza do Concello de Campo Lameiro acollerá o concerto de Manoele de Felisa. Por último, ás 21.30 terá lugar no auditorio de
Gondomar o concerto de Suelen Estar Quartet, enmarcado na programación de “Música no Ar”.