A modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG) permitirá habilitar preto de medio millón de metros cadrados de solo industrial nos concellos de Mos e Redondela.
Así o anunciou onte a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que se reuniu en Mos coa alcaldesa, Nidia Arévalo, e o presidente da Asociación de Empresarios do municipio (Aemos) para explicarlles o alcance que terá para esta zona a nova planificación na que traballa o seu departamento co fin de actualizar e redefinir as prioridades da Comunidade en materia de áreas empresariais.
371.000 m2 en Mos e 126.000 en Redondela
En concreto, o novo ámbito previsto está proxectado en Louredo e ocupará unha superficie de 498.272 m 2 dos cales a gran maioría (371.710 m 2 ) estarán en Mos e os 126.562 m 2 restantes en Redondela.
“Dos 7 millóns de metros cadrados que imos planificar de cara ao futuro con esta modificación, 500.000 pertencen a Mos e Redondela. Porque hai demanda e porque tan só restan cinco parcelas por vender no polígono existente, o de Veigadaña”, explicou a conselleira.
Ángeles Vázquez recoñeceu que esta é unhas das “áreas estratéxicas” desde o punto de vista empresarial polas que aposta a Xunta e avanzou que a súa ampliación se atopa en fase de avaliación ambiental co obxectivo de aprobalo de forma inicial no último trimestre e definitivamente, en 2022.