O Concello do Rosal tamén se prepara para a volta ao colexio. Estes días está a realizar obras para por a punto os seus centros escolares. “Queremos que os nosos rapaces e rapazas desfruten dunhas aulas melloradas”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández.
A rexedora visitou esta semana cada un dos centros para coñecer de
primeira man o estado dos traballos. Entre as melloras que se realizaron están os habituais desbroces, e o mantemento en xeral. No CPI Manuel Suárez Marquier pintáronse dúas aulas, así como a aula croma, un espazo verde que facilitará o traballo audiovisual que desenvolvan no centro. Tamén se arranxou a rede, e limpáronse as canalizacións.
Escolas unitarias
O Concello tamén acometeu varias obras de mellora nas escolas unitarias. Pintáronse as aulas da escola de Couso, así como o almacén da sede do CRA María Zambrano. Cambiáronse os calefactores eléctricos, e en Couso instaláronse novos puntos de calefacción.
A escola de Novás recibiu novos estores. Ademais, en todos os centros realizáronse as revisións oportunas tanto do sistema eléctrico e dos distintos aparellos como da fontanería.
Na Escola Infantil A Galiña Azul cambiáronse todas as luminarias por unhas led, pintáronse varios cuartos, déuselle cera aos pisos, leváronse a cabo os traballos de limpeza das ventás e repintouse a zona de aprendizaxe de circulación viaria do centro.
Mellora da eficiencia enerxética
A todos estes traballos hai que sumarlle ás accións de mellora da eficiencia enerxética e do confort para contribuír na conservación das escolas unitarias, e na protección do medio ambiente, que realizará o Concello. O proxecto conta cun orzamento de 200.00 euros e arrancará coa transformación da escola unitaria de Pías, que foi licitada o mes pasado.
A reforma do CRA de Pías transformará o centro en termos de eficiencia enerxética, implementando medidas que axudan a reducir ao mínimo o consumo e mellorando en gran medida o confort interior.
A alcaldesa explica que para o Concello “as seis escolas unitarias do
Rosal son unha prioridade”, que permiten “fomentar unha educación de proximidade e responsabilidade coa nosa contorna entre os nenos e nenas”.
Ademais a rexedora tamén destaca que estas obras son un exemplo da aposta do Concello pola sostibilidade ambiental, e pola recuperación e mellora de edificacións cun gran valor patrimonial no Rosal.