O Bloque Nacionalista Galego criticou o “atraso sine die” da posta en marcha da plataforma para a venda en liña do comercio local de Vigo, anunciada por Abel Caballero en abril de 2020. Tras reiterados anuncios, na actualidade ainda non se iniciou nin o proceso de licitación pública.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que “nas primeiras semanas da pandemia”, o alcalde, anunciaba “con todo o rebumbio e solemnidade” que se ía poñer en marcha unha plataforma para a comercialización de produtos e servizos en liña, como medio de axudar ao comercio local.
Foi o propio Caballero quen a bautizara como “Amazon vigués” e “presentouse en sucesivas roldas de prensa nos últimos meses”... mais nada se sabe da súa posta en marcha.
“Nas últimas declaracións do rexedor, en febreiro deste ano, aseguraba que era ‘cuestión de meses’, pero o certo é que a día de hoxe non se iniciou nin o necesario proceso de licitación pública”, advirte Igrexas. “Caballero prometeulle á cidade un ‘Amazon vigués’ pero o que está traendo é unha versión 2.0 das obras do Escorial”.
“Política de propaganda”
Para o BNG esta situación volve evidenciar a “política oca, aparencial e de propaganda” que aplica o Goberno municipal, que denuncian é especialmente inxusta co pequeno e mediano comercio, a pesar de ser un sector de enorme importancia a nivel económico e do emprego para a cidade.
Sen axudas do Concello, pese a ter un “orzamento record” este ano
“Os e as comerciantes de Vigo son as únicas das sete grandes cidades galegas que non recibiron nin un só euro de axudas directas do seu concello, e iso dispondo dun orzamento record de 354 millóns de euros e a pesar de que o BNG propuxemos a creación de programas de apoio desde o inicio da pandemia”, subliñou Igrexas.
A respeito da parálise que envolve o “Amazon vigués” o concelleiro nacionalista interpelou o Goberno local na última Comisión Informativa de Comercio. “A súa resposta foi un silencio tan clamoroso como clamorosa é a falla dunha política real de apoio ao comercio de Vigo”, remachou Igrexas.