O xoves 9 de setembro comezará en Galicia o novo curso escolar nos ciclos de Infantil, Primaria e Educación Especial para 187.624 alumnos, o que supón 9.180 menos ca no curso 2019/20, o inmediatamente anterior á pandemia, segundo os datos provisionais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Cae o número de alumnos nos centros públicos
Só en centros públicos o alumnado descende en case 6.000 escolares respecto do último curso antes da pandemia. Respecto do curso 2020/21 a diminución é de 4.832 escolares, 3.363 deles en centros públicos. Neste sentido cómpre lembrar que as cifras de matriculación poden ir mudando
ao longo do curso escolar.
En calquera caso, e malia ao descenso de alumnado, a Xunta asegura que “mantén as plantillas de profesorado por riba das que había no curso 2019/20” atendendo as necesidades xeradas a partir da pandemia da Covid-19″.
Neste sentido, Educación lembra que nestas etapas as medidas sanitarias mantéñense invariables respecto das do curso pasado, con grupos burbulla sen distancia de seguridade.
Educación Infantil
Segundo estimacións da Xunta, 55.698 alumnos comezan este ano nas aulas de Educación Infantil, o que supón 3.829 menos ca no curso 2019/20. Respecto do curso 2020/21 a diferenza é de 2.356 escolares menos.
Educación Primaria
Por outra banda, as mesmas previsións que manexa a Consellería indican que 130.774 alumnos tamén comezan o vindeiro xoves as clases de Educación Primaria en Galicia, o que supón 5.392 menos ca no curso 2019/20. Respecto do curso 2020/21 a diferenza é de 2.482 escolares menos.
Educación Especial
No que atinxe á Educación Especial, o número estimado de matriculados para este curso é de 1.152 alumnos, 41 máis ca hai dous cursos. Respecto do curso 2020/21 a diferenza é de seis escolares máis.
Comedor
O mesmo día do comezo de curso escolar empezarán a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería de Educación.
Este ano, a falta de que se pechen as últimas autorizacións, o número estimado de prazas de comedor escolar será de 78.713 (1.653 máis ca no 20/21), das cales 16.658 serían xestionadas por ANPAS ou Concellos, existindo tamén axudas –ou convenios de colaboración– da Consellería neste concepto para ambas entidades.
En total o departamento educativo da Xunta xestiona 417 comedores, deles 281 de forma directa e 136 de forma indirecta (a través de empresas que serven menús con todos os estándares de calidade garantidos).
Pola súa banda, as ANPAS son responsables de 203 comedores e os concellos de 51. Neste sentido, cómpre lembrar que a Consellería subvenciona os menús de arredor de 4.754 comensais nestes 51 centros escolares de 16 concellos de toda Galicia. A maiores tamén destina axudas a
Anpas para a xestión dos comedores, que este ano se duplican ata acadar os 1,2M€.
Así mesmo a Consellería facilita subvencionar o servizo de comedor escolar a 498 alumnos de centros de educación especial non públicos a través de convenios con 14 entidades, cun orzamento de máis de 210.000€.
Transporte
No que atinxe ao transporte, prestarase servizo –segundo as estimacións provisionais– a 85.531 alumnas e alumnos de 773 centros públicos. Ademais, darase cobertura de transporte a 363 alumnos de centros de Educación Especial que non son públicos a través de convenios con 17 entidades, cun orzamento de máis de 1 millón de euros.