Cultura

O Museo Meirande solicita a súa inclusión na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos

A súa incorporación podería ser efectiva en outubro

A Concellería de Turismo de Redondela vén de solicitar a inclusión forman do Museo Meirande na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) á que, ata o de agora, non pertencía. Unha das primeiras decisións tomadas pola nova concelleira foi preparar a documentación e presentar a adhesión do museo redondelán, solicitude que será levada á reunión que esta asociación museística celebrará neste mes de setembro “polo que esperamos que o Meirande sexa membro de pleno dereito do REMA neste vindeiro mes de outubro”, sinala María Castro.

Tal e como explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, a inclusión do Meirande na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos “non só pon ao Meirande no mapa dos museos costeiros de Galicia, norte de Portugal e Asturias, senón que é un extraordinario elemento de dinamización do patrimonio ligado ao mar”.

Cómpre salientar que os museos –31 nestes momentos– que pertencen a rede, acollen exposicións temporais dos fondos cedidos polos seus membros “o que nos brinda unha marabillosa oportunidade de dar a coñecer os fondos do Meirande noutros espazos e, ao mesmo tempo, acoller fondos procedentes de museos membros para a súa exposición de difusión”.

Tanto a alcaldesa como a concelleira de Turismo, chaman a atención sobre a importancia de pertencer a unha rede na que, entre outros, atópanse o museo da Torre de Hércules, o Museo de Historia Natural do Ferrol, o Museo Marítimo de Asturias, a Casa da Navegación de Baiona ou Museo do Mar da Guarda.

O REMA foi posto en marcha polos GALP (Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro) Costa da Morte e Seo de Fisterra e Ría de Muros e Noia: Costa Sostible e ten como obxectivo poñer en valor todo o patrimonio –material e inmaterial– ligado ao mar. De feito, lembra a alcaldesa de Redondela, “o REMA é a primeira rede especializada de contidos relacionados coa cultura mariñeira” polo que cualificou de “imprescindible” a presenza de Redondela neste organismo dada a súa estreita vinculación co mar e a importancia que o Meirande ten como centro de interpretación dun espazo histórico como Rande e a enseada de San Simón.

También te puede interesar