O programa “Practicum Depo” segue a buscar a “mellor formación posible para o alumnado da provincia a través de saídas ao estranxeiro”, tal e como afirmou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, logo de aprobar a cuarta mobilidade da súa edición 2020.
A achega á que se deu luz verde ascende aos 287.000€ e dela beneficiaranse un total de 36 estudantes de ciclos medios de Formación Profesional (16 rapazas e 20 rapaces), que percibirán entre 6.380 e 8.650€ para as súas estadías.
Sies meses en Italia, Portugal, Irlanda, Francia, Malta e Romanía
O alumnado realizará mobilidades que durarán preto de seis meses sendo os destinos máis demandados Italia e Portugal (con 13 e 12 mobilidades), seguidos por Irlanda (6), Francia (2) e Islandia, Malta e Romanía (cunha mobilidade a cada un deles).
As persoas que se formarán nestes países proceden de 13 centros de
oito concellos da provincia: Vigo e Pontevedra (que conta con 11 alumnas e
alumnos neste programa), Marín (5), O Porriño, Tomiño, As Neves e Sanxenxo (2 cada un deles) e A Illa de Arousa (1).
Formación de alumnos e alumnas de ciclos medios de Formación Profesional
“Practicum Depo” ten por obxectivo completar a formación de estudantes
graduados e graduadas en ciclos medios de Formación Profesional con prácticas laborais en empresas e institucións europeas para facilitar a súa inserción no mercado laboral. Ademais, este programa provincial tamén inclúe formación ao profesorado para que adquira novos coñecementos que logo poderán aplicarse nas aulas da provincia de Pontevedra.