Destacados Vigo al minuto

Chega a Vigo a exposición ‘As Miradas de Isaac’, unha ollada á figura de Díaz Pardo

Poderá ser visitada dende a fin de setembro até o remate do mes de novembro

Chega a Vigo a exposición 'As Miradas de Isaac', unha ollada a figura de Díaz Pardo

A Xunta e Afundación traen a Vigo ‘As miradas de Isaac’, a primeira grande exposición en homenaxe a Díaz Pardo despois do seu falecemento, en xaneiro de 2012.

Inaugurouse en novembro de 2020 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura para facela coincidir co centenario do seu nacemento (1920) e co obxecto de pór en valor o legado e as aportacións á cultura galega do impulsor da recuperación da fábrica de cerámica de Sargadelos, do Laboratorio de Formas, do Seminario de Estudos Galegos, do
Instituto Galego da Información, de Ediciós do Castro ou do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, entre outros moitos proxectos relevantes.

Preto de 60.000 visitantes entre Santiago e A Coruña

Durante os seis meses de exhibición na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela foi visitada por máis de 26.000 persoas. De xuño a agosto realizou unha primeira itinerancia na sede de Afundación na Coruña,
que elevou o número total de visitas por riba das 30.000 persoas. En Vigo poderá ser visitada dende a fin de setembro até o remate do mes de novembro.

10 seccións, 500 pezas e unha ‘videoinstalación’

‘As miradas de Isaac’ contará en Vigo cunhas 500 pezas entre obras de arte, murais, cerámicas, carteis, publicacións e obxectos persoais coa pretensión de reflectir a inesgotable creatividade de Díaz Pardo, un personaxe imprescindible da cultura galega.

Amostra mantén a estrutura en dez seccións, a través das que afonda en todo o seu periplo vital e profesional. Así na exposición en Vigo quedará reflectida a importancia do pai –Camilo Díaz Baliño– no desenvolvemento da súa personalidade, a infancia e mocidade en Compostela e a faciana de pintor, que deixou unha profunda pegada en todas as súas realizacións.

Do mesmo xeito, a mostra tamén se centra no contacto de Díaz Pardo co exilio e o seu compromiso pola recuperación da memoria histórica, o labor como escritor, as iniciativas empresariais, con Sargadelos como insignia, e as iniciativas culturais e investigadoras, entre as que cabe destacar o Laboratorio de Formas ou o Instituto de Galego de
Información
.

O relato expositivo non esquece o deseñador industrial que proxectou
máquinas, porcelanas, mobles ou Ediciós do Castro, o editor imparable, e finalmente enxalza o recuperador –con Luis Seoane– da vangarda artística galega anterior á Guerra Civil, coa posta en marcha do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.

A exposición en Vigo tamén incorpora como elemento vertebrador a videoinstalación realizada pola neta de Isaac Díaz Pardo, a fotógrafa e xornalista cultural Cecilia Díaz Betz.

Esta peza audiovisual, realizada en colaboración co realizador Jordi Cussó, está creada a partir de materiais de arquivo, na que se propón un encontro co intelectual e artista, sendo el mesmo quen nos relata en primeira persoa a súa vida e obra. Unha forma radicalmente diferente de reivindicar e lembrar a súa figura, máis acorde coa súa propia visión
vangardista, e coa se procura revivir o seu universo e o seu espírito sempre aberto, tanxencial e polifacético.

También te puede interesar