Vigo al minuto

Comeza en Vigo o ‘Festival Primavera de Cine 2021’

Proxectará curtametraxes, longametraxes e videoclips ata o vindeiro domingo día 12

Comeza en Vigo o 'Festival Primavera de Cine 2021'

Este martes 7 de setembro dará comezo a décima edición do Festival Primavera do Cine en Vigo, que proxectará curtametraxes, longametraxes e videoclips ata o vindeiro domingo día 12.

Cinematografía galega

O evento, un dos festivais galegos máis consolidados, celebra o seu décimo aniversario cunha programación centrada na cinematografía galega e nas cinematografías dos países da lusofonía. Proxectaranse filmes producidos nos dous últimos anos, algún deles estrea en Galicia e en España.

As proxeccións terán lugar en dúas salas: Auditorio do museo MARCO, onde poderanse ver todos os bloques de curtametraxes e Auditorio Municipal do Concello, onde ademáis das curtas os espectadores poderán ver toda a sección oficial de longametraxes.

Curtametraxes

En total, unha vintena de curtametraxes, seis longametraxes e unha selección de videoclips de vangarda. Todas as proxeccións en horario de tarde e con aforo limitado debido ás restriccións anticovid.

O custe das entradas será de 3€ para os bloques de curtametraxes e 4€ para as longametraxes. Estas poderán adquirirse na mesma taquilla antes das proxeccións ou de maneira telemática a través da plataforma woutick.

A longametraxe que se poderá ver este martes na sesión inaugural do festival, ás 20:00 h., será Ana. Sem Título película brasileira que estivo seleccionada para o festival de Moscova. O máis recente filme da imprescindible cineasta brasileira Lucía Murat combina realidade e ficción para reivindicar a memoria das artistas latinoamericanas desaparecidas durante as diversas dictaduras que aconteceron no Cono Sur.

Programación desta X Edición

Longametraxes lusófonas

A sección oficial de longametraxes lusófonas complétase con Suzanne Daveau, dirixida pola cineasta Luisa Homem, unha visión lírica e moi completa da vida dunha muller que destacou polos seus estudos xeográficos en Mozambique e Portugal. E o documental Campo, dirixido por Tiago Hespanha, centrado nos dispares acontecementos acaecidos no día a día dunha base militar.

Sección oficial galega

Por outro lado, a sección oficial galega contará con 9 Fugas, a longametraxe do vigués Fon Cortizo que triunfou no Festival de Xixón e está a ter un percorrido internacional. Devolvendo o Golpe, unha historia de boxeo e superación centrada na vida do boxeador marinense Aarón González.

Resonancias do pasado, último traballo de Antón Caeiro, cineasta premiado en pasadas edicións do certame, no que a través de imaxes de arquivo e gravacións de voz reconstrúe episodios fundamentais da intrahistoria de Vilagarcía de Arousa.

Este ano, a Mención Honorífica recae no escritor e cineasta Alberte Pagán, referente do Novo Cinema Galego e da cinematografía experimental. A entrega deste premio será o sábado 11 no Auditorio do Concello, nun acto especial e emotivo onde se proxectarán unha selección de traballos nucleares da cinematografía experimental galega dos últimos anos.

Actividades gratuítas

O sábado 11

Proxecto Remolque: obradoiro creativo de manipulación de película cinematográfica en 35 mm dirixido a todos os públicos e impartido polos cineastas Alberte Pagán, Cris Lores e Belén Veleiro.

Paper Cinéticoobradoiro dirixido a nenos e nenas consistente en fabricar artesanalmente xoguetes e aparellos precinematográficos.

O domingo 12

Gala de Clausura: entrega de premios presentada pola actriz Déborah Vukusic.

También te puede interesar