Galicia

O 2º exercicio da oposición para cubrir 438 prazas administrativas da Xunta será os días 27 e 28 deste mes

Ás probas están convocados un total de 4.406 aspirantes

O 2º exercicio da oposición para cubrir 438 prazas administrativas da Xunta será os días 27 e 28 deste mes

A Xunta vén de anunciar as datas do segundo exercicio para cubrir 97 prazas do corpo administrativo C1 e 341 prazas do corpo auxiliar C2 da Administración galega.

As probas, ás que están convocados un total de 4.406 aspirantes, celebraranse os vindeiros 27 e 28 de setembro no recinto da Feira Internacional de Silleda.

O luns 27 terá lugar o segundo exercicio para acceder ao corpo
administrativo C1/grupo III
ao que están convocados un total de 1.469 aspirantes. A continuación, o martes 28 será a quenda do segundo exercicio para o corpo auxiliar C2/grupo IV con 2.937 opositores convocados.

Protocolo de seguridade

A pandemia do coronavirus e as restricións establecidas para controlar a súa evolución obriga a adaptar as formas e secuencias de celebración das probas para garantir a súa realización coa maior seguridade posible.

Neste sentido, a Xunta informa de que “os exames celebraranse no recinto feiral de Silleda con todas as garantías sanitarias, logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa realización seguindo un protocolo de actuación que garante a súa realización con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade”.

Este protocolo establece que só se permitirá o acceso aos edificios aos aspirantes que realicen os exercicios e ao persoal implicado no desenvolvemento das probas polo que os opositores deben acudir soas salvo que precisen asistencia.

Deben presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e gardar sempre a distancia de seguridade; será obrigatorio o uso de máscara durante todo o proceso e o emprego de xel hidroalcohólico para entrar nos pavillóns.

Os seus obxectos persoais deben ser os mínimos imprescindibles e non se poderá compartir material. Ademais, ventilaranse os pavillóns e manteranse as portas abertas durante a realización dos exercicios, sempre e cando non se provoque unha situación inconfortable polas correntes de aire ou derivada do ruído.

Podes consultar toda a información relativa ás probas e ás medidas de seguridade entrando en https://www.xunta.gal/funcion-publica.

También te puede interesar