A Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel xa son, oficialmente, a sétima reserva da biosfera de Galicia. Así o proclamou hoxe o Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere (MaB) da Unesco, reunido na cidade nixeriana de Abuja desde o pasado luns e que esta tarde anunciou publicamente os novos territorios recoñecidos baixo esta figura internacional.
18 concellos de Lugo e 5 de Ourense
Durante a súa intervención por videoconferencia para defender a candidatura ante o órgano reitor do MaB, na súa 33ª sesión, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou a importancia desta decisión tanto para os 23 municipios incluídos na mesma —18 da provincia de Lugo e 5 da de Ourense cunha poboación total de máis de 75.000 habitantes— como para o conxunto de Galicia.
O 35% de toda a superficie de Galicia…
Así, lembrou que coa incorporación da sétima reserva da biosfera, a superficie que conta en Galicia con este recoñecemento internacional increméntase ata chegar a case o 35% de todo o territorio; pero tamén suporá que o 42% da Comunidade quede amparado baixo
algunha figura de protección, afianzando o recoñecemento á riqueza do noso patrimonio natural en todo o mundo.
…a maioría dela na provincia de Lugo
De feito, a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel é a segunda máis grande de Galicia, xa que abarca unha superficie total de 306.534,77 hectáreas que se estende polos canóns do Sil e polo río Miño e destaca pola súa gran beleza natural e pola riqueza cultural e etnográfica que atesoura.
Tras a proclamación hoxe por parte da Unesco, este territorio intégrase oficialmente na Rede Mundial de Reservas da Biosfera e súmase aos outros seis que contaban xa en Galicia con este recoñecemento: Terras do Miño, en Lugo; Área de Allariz; Os Ancares e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, tamén en Lugo; Río Eo, Oscos e Terras de Burón, con 14 concellos lucenses e 7 asturianos; Transfronteiriza Gerês-Xurés; e Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.