Na ‘semana da mobilidade’, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace demandan a implantación de Zonas de Baixas Emisións en Vigo.
O Concello, sinalan os ecoloxistas, ten os deberes sen facer, xaora que leva máis dunha década sen promover restricións de tráfico e mesmo impulsa o incremento das emisións no corazón da cidade co túnel da Porta do Sol.
O alcalde non cumpre co que propón como presidente da FEMP
Europa, o Goberno de España e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que preside o propio alcalde de Vigo, demandan aos concellos de máis de 50.000 habitantes a implantación destas Zonas de Baixas Emisións.
Co inicio da ‘Semana Europea da Mobilidade’, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace realizan un acto o vernes 17 de setembro, ás 19:00h, diante da oliveira do Paseo de Alfonso, para explicar a necesidade de implantar sen máis demora Zonas de Baixas Emisións (ZBE) en Vigo e “demandar políticas ambiciosas para promover a mobilidade activa e a loita contra o cambio climático”. No acto tamén se presentará unha guía para a sua aplicación con criterios climáticos e de calidade do aire en Vigo, realizada por Ecoloxistas en Acción, que se dirixe fundamentalmente a clarexar as medidas que teñen impacto real para desenvolver este instrumento como parte dunha política ambiental e de mobilidade sostíbel na cidade.
As organizacións ecoloxistas tamén queren con este acto denunciar as contradicións do alcalde da cidade, Abel Caballero, que por unha banda, como presidente da FEMP, promove xunto á DGT e a Área Metropolitana de Barcelona, a implementación das Zonas de Baixas Emisións en todo o Estado, e pola outra, en Vigo, aposta por incrementar o tráfico e as emisións contaminantes polo centro baixo a Porta do Sol.
‘Discriminar’ aos vehículos polo seu impacto ambiental
As regulacións ou limitacións de acceso en áreas urbanas para determinados vehículos son medidas debatidas polo menos desde hai cincuenta anos e empregadas nas políticas de mobilidade co fin de paliar os graves problemas causados polo uso masivo de automóbiles. A principal novidade destas regulacións de acceso é a incorporación de criterios ou discriminacións dos vehículos polo seu impacto ambiental, no que se denomina como Zonas de Baixas Emisións (ZBE), que apuntan á redución local das emisións contaminantes e de gases de efecto invernadoiro dos vehículos.
No Estado español, foi a súa implantación na capital (Madrid Central) e en Barcelona (Zona de Baixas Emisións Rolda de Barcelona) o que deu visibilidade ao concepto na axenda social, política e mediática.
A lei estatal de cambio climático obriga á implantación de Zonas de Baixas emisións nas cidades
A recente lexislación estatal de cambio climático obriga a implantar de inmediato Zonas de Baixas Emisións (ZBE) en cidades de máis de 50.000 habitantes e territorios insulares antes de 2023. Con isto preténdense paliar os problemas de calidade do aire das cidades, que nunha elevada proporción derivan do tráfico motorizado.
O incumprimento reiterado dos límites legais de contaminantes en diversas zonas do país pon en risco a saúde da poboación e motivou a apertura por parte da Comisión Europea de expedientes de infracción por partículas PM10 (2009) e por NO2 (2015).
“Trátase de reorientar o modelo vixente de mobilidade e por tanto de deseño das cidades, onde predomina o automóbil que utiliza combustíbeis fósiles, cara a outra configuración modal na que predominen a mobilidade activa, o transporte público e os espazos públicos nos que o protagonismo sexa das persoas”, informa Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción. “Ese cambio modal necesita dun urbanismo onde a proximidade dos servizos e a vivenda facilite a realización dos desprazamentos camiñando ou en bicicleta e no que se desenvolvan infraestruturas verdes e biodiversidade urbana, sombras naturais ou artificiais, sistemas urbanos de drenaxe sostíbel e pavimentos máis permeábeis e naturais, entre outras moitas medidas”, conclúe.
Para afrontar estes desafíos nas nosas cidades requírese actuar coas receitas clásicas da política de mobilidade, que se agrupan en tres estratexias coñecidas: cambios de conducta como a pacificación do tráfico; cambios tecnolóxicos como a electrificación de vehículos e cambios modais, mudando os xeitos de desprazarse pola cidade cara ao transporte público e non motorizado.
Na medida en que as Zonas de Baixas Emisións regulan o acceso, a circulación e o aparcamento, poden activar as tres estratexias, facilitando a redución de emisións mediante unha ampla gama de medidas de xestión da demanda de vehículos.
“As cidades albergan actualmente ao 55 % da poboación mundial, xeran máis do 70 % das emisións mundiais e usan máis de dous tercios da enerxía e recursos do planeta. As ZBE son unha ferramenta descoñecida para a inmensa maioría dos municipios de máis de 50.000 habitantes, pero van ter que aplicalas en cumprimento da lexislación climática e poden axudar a redeseñar e repensar as nosas cidades para orientalas cara as persoas que viven nelas”, afirma Manoel Santos, voceiro de Greenpeace.