A Xunta comezou este luns as obras de mellora da capacidade do enlace da vía de altas prestacións AG-41 en Sanxenxo, que fan necesarios desvíos de tráfico. Esta intervención suporá un investimento de 335.000€, tendo en conta as expropiacións necesarias.
Trátase de modificar o ramal partindo da estrutura sobre a estrada PO-504 para desenvolver un ramal cun radio de xiro adecuado e ampliar a calzada entre a glorieta do enlace de Sanxenxo e a vía autonómica, dotándoo dun carril adicional.
O obxectivo dos traballos é mellorar a fluidez e reducir os atascos no verán neste punto. Co obxecto de executar esta mellora en condicións de seguridade e sen afectar a mobilidade que sempre é máis intensa en época estival, co inicio das obras este luns, será necesario realizar desvíos de tráfico. Estes desvíos acometeranse en dúas fases, prevéndose o seu remate a mediados do mes de decembro, aínda que supeditado ao avance dos traballos en función das condicións meteorolóxicas das vindeiras semanas.
Desvíos: dous meses
A primeira fase de desvíos comezará hoxe e prolongarase durante un tempo estimado de dous meses.
Nesta primeira fase desviarase o tráfico da vía VG-4.1 procedente do Grove pola saída 21 ata a estrada provincial EP-9206, en sentido Portonovo.
O tráfico de saída de Sanxenxo desviarase pola vía de servizo anexa á vía afectada e o da VG-4.1 de entrada a Sanxenxo discorrerá pola PO-504, habilitando un desvío na propia calzada.