A Deputación de Pontevedra reafirma o seu apoio á cultura e o deporte coa programación dunha decena de novas accións en nove concellos da provincia, durante esta fin de semana.
Nesta ocasión serán os concellos de Marín, O Porriño, Gondomar, Tui, Lalín, Salvaterra de Miño, Forcarei, Oia e Barro os que acollerán actividades dos programas provinciais “Historias Cavadas”, “Rutas de Arquitectura”, “Roteiros literarios”, “Rías Baixas Film Fest”, “Musigal”, “Depo Orienta”, “Bosques Terapéuticos” e “Tornar as Táboas”, o gran protagonista desta última fin de semana de setembro.
‘Tornar as Táboas’
A volta do teatro aos escenarios comezou o pasado mércores 22 con “Tornar as Táboas”, e ofrece outras dúas oportunidades de gozar dos seus espectáculos no que queda de semana. Así, o sábado 25, ás 18.00h., será a quenda de “Titiricircus”, da compañía Tanxarina, en Salvaterra de Miño; e, o domingo 26 á mesma hora, a de “Rilla Rilla”, a cargo de Xarope Tulú en Forcarei.
‘Historias Cavadas’
Pola súa banda, as “Historias Cavadas”, que xa teñen esgotadas todas as súas prazas, teñen unha nova cita no calendario este venres 24 ás 19.00h. no Castro da Subidá, en Marín.
‘Rutas Arquitectónicas’
A segunda das “Rutas Arquitectónicas” terá lugar este sábado 25, ás 10 horas, e arrancará na Galiña Azul, en Oia, para ofrecer a continuación un interesante itinerario polo Mosteiro de Santa María de Oia, a Igrexa de Santa María da Guarda, o Castel de Santa Cruz e a Fortaleza de San Lorenzo de Goián.
‘Roteiros Literarios’
No caso dos “Roteiros Literarios”, será Salvaterra de Miño o concello que acolla “Versos de Auga e Viño”, que partirá ás 11.30 do paseo fluvial do municipio para dar a coñecer da man de Raquel Castro as lecturas e lugares máis significativos do municipio do Miño.
Cinema con ‘Play-Doc’
Amais, ata o domingo celebrarase en Tui “Play-Doc”, a última parada do mes dos “Rías Baixas Film Fest”. Ata decembro, o emblema audiovisual da Deputación completará o seu cartel co “Festival de Cine Inclusivo” (12-16 outubro), “Galician Freaky Film” (29-2 outubro) e “Novos Cinemas” (14-19 decembro).
‘Musigal’
“Musigal” contará nesta ocasión con dúas novas paradas, ambas o sábado 26. As 19.00h. será o momento do grupo Burgas Big Band en Gondomar e, ás 21.00h., o de Tanxugueiras no Porriño.
Deporte
No eido do deporte a semana remata con dúas experiencias. O sábado 25 ás 10.00, enmarcada no programa “Bosques Terapéuticos”, a Fraga de Catasós, nos arredores de Lalín, protagonizará unha ruta que esconde carballos e castiñeiros centenarios protexidos baixo a figura de monumento natural.
Finalmente, este domingo “Depo Orienta” propón unha nova vivencia no Monte do Acibal, en Barro, na que os seus/as participantes deberán realizar, no menor tempo posible e a contra reloxo, un percorrido marcado por puntos de control coa única axuda dun mapa.