O persoal técnico da Xunta de Galicia ponse á disposición dos concellos para tratar de reducir á metade os prazos de tramitación das licenzas municipais en materia urbanística.
177 días de tempo medio para obter unha licencia urbanística
En Galicia, o tempo medio para conseguir estas licenzas é de 177 días —seis meses—, cando a Lei do solo establece que o máximo son tres meses.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda realizou unha consulta aos 313 concellos galegos sobre os prazos de resolución das licenzas, para coñecer o tempo que empregan e as principais causas da demora.
Á vista das respostas remitidas, polo momento, por un de cada tres municipios, a Consellería presta o seu apoio para que as administracións locais tomen medidas e habiliten os mecanismos axeitados para axilizar a tramitación dos expedientes. De feito, tamén se solicitou información sobre os trámites en liña que realizan, para coñecer as súas preferencias ou incidencias co obxecto de mellorar as aplicacións.
Neste sentido, a Xunta pídelle aos concellos que faltan por responder á misiva que tamén o fagan —entre eles, as sete grandes cidades—, para que o estudo dos datos en conxunto sirvan para que a cidadanía en xeral ou o empresariado poidan acceder a tramitacións máis áxiles de procedementos de por si complexos.
De feito, coa vixente Lei do solo ou coa Lei de rehabilitación, o Goberno galego reduciu os prazos de emisión dos informes sectoriais aos tres meses, un compromiso de axilidade co que está a cumprir.
Nova plataforma para xestión de documentos
Por outra banda, cómpre lembrar que esta mesma semana se lles presentou aos concellos e ás deputacións provinciais a plataforma para a xestión dos documentos que requiren de visado do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, como por exemplo a expedición de licenzas de obra e outras tramitacións urbanísticas; un servizo incluído no nodo de interoperabilidade da Xunta pasaXe!.
Así, a documentación accesible por parte dos concellos contará coa conformidade da persoas solicitante da licencia ou tramitación urbanística, así como dos técnicos redactores do traballo profesional vinculado. O sistema permite eximir ás persoas solicitantes da obriga que achegar a documentación, e bastará con que proporcionen na solicitude o código de descarga correspondente que lle foi proporcionado polo técnico redactor.
O sistema facilita e simplifica a tramitación por parte da persoa solicitante e permite que a documentación poida ser supervisada nun único arquivo pdf de estrutura normalizada, independentemente do tamaño ou do número de documentos que o conformen.
Trátase dunha liña de traballo que se enmarca no obxectivo de implantar unha Plataforma urbanística dixital de Galicia, de acordo coa Lei do Solo de Galicia. Para logralo, creouse un grupo de traballo do que forman parte técnicos do ámbito tecnolóxico co coñecementos de urbanismo.