O alcalde confirmou hoxe que as obras de modernización da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de O Casal comezarán “a mediados de outubro”.
As mesmas, terán un prazo de execución de 18 meses e, como adiantara vigoalminuto, un orzamento de 22.800.000€, “con cargo á empresa concesionaria da auga en Vigo – Aqualia – dentro do Plan de Inversións asinado ata 2026″, comentou Caballero.
“Sen subir un céntimo o recibo da auga”…que a oposición denuncia que xa subiu hai meses
Abel Caballero apuntou que o coste da ETAP a paga integramente Aqualia “sen subir nin un céntimo a factura da auga na cidade”. Esta afirmación foi desmentida, reiteradamente, pola oposición no Concello: así, Rubén Pérez, voceiro de Marea de Vigo, subliñou que os vigueses pagarán as obras da ETAP co aumento da ‘tarifa fixa’ do recibo da auga que pasou de 7,6 a 28,62€, cantidad que se pasa aos consumidores, con independencia da auga que consumen.
A Xunta non pon ni 1 euro
O alcalde reprochou á Xunta “que non pague o que lle corresponde” dado que, explicou , a ETAP do Casal aporta auga potable a Moaña, Cangas, zonas de Mos e Redondela e “a Xunta desenténdese aínda que potabilizadora é supramunicipal”. Concretamente, Caballero cifrou nun 16% a cantidade de auga que cede Vigo aos municipios aos que tamén subministra a potabilizadora da rúa Cantabria.
Abel Caballero insistiu en que “non hai nada tan importante como a auga” e que coa nova ETAP “imos duplicar a capacidade de potabilización” e aseguro que “ Vigo vai estar preparada para ter auga potable os próximos cen anos”. .O proxecto, subliñou, incrementa a capacidade da planta, pasando dos 900 litros de auga tratada por segundo a unha primeira fase de 1.500 e logo de 2.200 litros por segundo.
Como xa explicara hai días, o alcalde concluiu indicando que o fin desta remodelación da potabilizadora é incorporar as novas tecnoloxías, adaptala ao novo marco normativo e modernizala coas novas técnicas de potabilización da auga. Caballero afirmou que “en Vigo temos a mellor auga de España e coa nova ETAP será aínda mellor”.