A Deputación de Pontevedra vén de abrir unha liña de axudas para retirar simboloxía franquista nos concellos da provincia. Trátase de achegas que forman parte das xa coñecidas Subvencións para a Rehabilitación e Sinalización do Patrimonio Histórico Cultural, e que contan cunha contía global de 100.000 euros, segundo se publica no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO).
As colaboracións económicas da Deputación para a eliminación da
simboloxía franquista dos espazos públicos poderán destinarse a o obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva ou de calquera pegada de eloxio; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía franquista.
Unha “obriga legal”
A deputada de Memoria Histórica María Ortega lembra que a retirada da
simboloxía franquista é unha obriga legal que as administracións locais
deben asumir, mais como nalgúns casos a falta de orzamento impide levar
adiante as retiradas, “a Deputación de Pontevedra pensa que incorporar
esta liña nas subvencións é bo para que os concellos da provincia poidan
entrar camiño de facilitar o cumprimento da normativa da Lei de Memoria
vixente”.
As axudas repartiranse cun importe fixo de 50.000 euros de xeito lineal entre os concellos da provincia que decidan acollerse a elas.
A cantidade restante repartirase, en proporción ao 75 % da poboación e ao
25 % da superficie, con 10.000 euros para os 37 concellos de ata 10.000 habitantes; 20.000 euros para os 14 concellos de 10.001 a 20.000
habitantes; e outros 20.000 euros para os 8 concellos de entre 20.001 e
50.000 habitantes.
Rehabilitación e sinalización do patrimonio
Desde o ano 2016 a Deputación de Pontevedra conta cunhas liñas de
subvencións dirixidas aos concellos da provincia para a rehabilitación do
patrimonio e a sinalización do patrimonio histórico e cultural e a memoria histórica co obxectivo de darlle valor á riqueza patrimonial do noso territorio mediante a súa recuperación e mellora.
A través da convocatoria deste ano a Deputación de Pontevedra promoverá
dúas liñas diferenciadas: unha liña A, a nova sección anunciada para
eliminación da simboloxía franquista; e unha liña B, a tradicional de
rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural. Ambas
poderanse solicitar de forma paralela e non excluínte.
O obxecto das subvencións da liña B, que neste ano ascenderán a 300.000
euros, será como é habitual, a restauración de bens inmobles de titularidade municipal que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico ou etnográfico, ademais dos conxuntos urbanos, sitios naturais, xardíns e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico; a adquisición de bens inmobles integrantes do patrimonio histórico da provincia de Pontevedra e a instalación de paneis informativos no patrimonio histórico e cultural dos bens inmobles de interese municipal, os conxuntos urbanos, as parroquias, os xacementos e as zonas arqueolóxicas, ademais dos sitios naturais, os xardíns e os parques que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, antropolóxico, artístico ou etnográfico dentro do ámbito territorial da provincia de Pontevedra.