Galicia Vigo al minuto

O ‘doodle’ de Google para Ángeles Alvariño, a galega precursora da investigación oceanográfica no mundo

Desarrollou parte do seu traballo no Instituto de Oceanografía de Vigo

O 'doodle' de Google para Ángeles Alvariño, a galega precursora da investigación oceanográfica no mundo

Ángeles Alvariño González naceu en Serantes (Ferrol) o 3 de outubro de 1916. É filla do doutor Antonio Alvariño Grimaldos e da pianista María del Carmen González Díaz-Saavedra.

Ata 1931 estudou en diversos centros educativos de Ferrol, para despois cursar o Bacharelato Universitario en Ciencias e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, que rematou en 1933 coas disertacións: “Insectos Sociales” e “Las mujeres en el Quijote”.

Aínda que en 1934 comeza os seus estudos de Ciencias Naturais na Universidade de Madrid, estes vense interrompidos polo peche das aulas, motivado pola Guerra Civil. Nese período Alvariño decide mellorar os seus coñecementos de francés e iniciarse na aprendizaxe do inglés, lingua que constituirá unha valiosa ferramenta de traballo na súa futura aventura americana nos Estados Unidos.

En 1940 casa con Eugenio Leira Manso, capitán da Mariña de Guerra Española e Cabaleiro da Real e Militar Orde de San Hermenegildo, e dous anos máis tarde nace a súa filla, María de los Ángeles Leira Alvariño, coñecida arquitecta e urbanista radicada nos EE UU.

Profesora de Bioloxía, Zooloxía, Botánica e Xeoloxía

Unha vez aberta a universidade, Ánxeles continúa cos seus estudos e en 1941 realiza un Máster en Ciencias Naturais con Honores na Universidade de Madrid. De 1941 a 1948 imparte clases como profesora de Bioloxía, Zooloxía, Botánica e Xeoloxía, en colexios universitarios en Ferrol.

Doutora e destino en Vigo

En 1951 obtén o Certificado de Doutoramento en Psicoloxía Experimental, Química Analítica e Ecoloxía Vexetal na Universidade de Madrid. Entre 1950 e 1957 é destinada como bióloga mariño-oceanógrafa no Instituto Español de Oceanografía (laboratorio oceanográfico de Vigo).

Primeira científica a bordo dun barco de investigación

Nos anos 1953 e 1954 recibe unha bolsa do British Council para realizar investigacións sobre zooplancto no Laboratorio de Plymouth, Inglaterra, baixo a dirección de Frederick S. Russell e Peter. C. Corbim.

Ánxeles Alvariño foi a primeira muller a bordo dun barco británico de investigación en calidade de científica. Participou en varias expedicións e cruceiros científicos no Atlántico e Pacífico, a bordo de buques oceanográficos de Inglaterra, Estados Unidos, España e México.

Estados Unidos

Durante o período 1956-1957, Ánxeles recibe unha subvención da Comisión Fulbrigth para realizar investigacións científicas sobre zooplancto na Woods Hole Oceanographic Institution (http://www.whoi.edu/), de Massachusetts. Nos anos seguintes segue recibindo subvencións de institucións como a Marine Life Research, a Oficina Naval de Investigacións dos Estados Unidos e a National Science Foundation.

De novo, doutora

No ano 1967 doutórase en Ciencias pola Universidade de Madrid coa tese: “Los Quetognatos del Atlántico. Distribución y Notas Esenciales de Sistemática”.

Esta científica galega continúa subindo chanzos na súa carreira profesional, é requirida polo Scripps Institution of Oceanography (1958-1969), (La Jolla, California) (http://sio.ucsd.edu/) para efectuar investigacións sobre plancto, correntes e dinámica oceánica.

En xaneiro de 1970 obtén o cargo de Bióloga Investigadora no recoñecido Southwest Fisheries Science Center (NOAA), (http://swfsc.noaa.gov/), para efectuar estudos sobre a albacora e outros peixes, así como sobre o plancto e as súas relacións coa dinámica oceánica, as pesqueiras e o efecto dos depredadores do plancto na supervivencia das larvas de peixes.

Ánxeles pasa a ser unha muller precursora na investigación oceanográfica española e destacada científica internacional, chegou a descubrir 22 especies novas de organismos mariños, os indicadores planctónicos para correntes oceánicas e para a pesca.

Xubilación e morte

A partir de 1993 retírase como científico emérito, status alcanzado xa en 1987, e segue publicando os resultados das súas investigacións. Faleceu en San Diego (California), o 29 de maio de 2005, aos 88 anos de idade.

También te puede interesar