Comarcas

Redondela inicia ‘Mulleres en rede’ para fomentar o ’empoderamento’ da muller no rural

Este martes, ás 17:00h., no Centro Cultural A Miñoteira de Ventosela

“Buscar o empoderamento da muller no medio rural como medio para acadar unha igualade real, entre homes e mulleres”. Así define a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, o programa Mulleres en rede.

Trátase dunha actividade participativa e interactiva posta en marcha pola Concellería de Igualdade de Redondela e que, en marzo de 2020 a poucos días do seu inicio, tivo que ser aprazado pola entrada en vigor do ‘Estado de Alarma’ decretado por mor da pandemia da Covid.

Empezará en Ventosela e seguirá polo resto de parroquias

O programa, que comezará este martes, 5 de outubro ás 17 horas, no Centro Cultural A Miñoteira de Ventosela coa primeira das cinco sesións das que consta a iniciativa para, posteriormente, desenvolverse por todas e cada unha das parroquias redondelás.

“Se a desigualdade aínda é algo evidente na nosa sociedade –asegura a alcaldesa redondelá– esta deixase sentir especialmente no medio rural polas propias características que esas zonas teñen na vida das súas xentes”.

Mulleres en Rede é, fundamentalmente, un obradoiro interactivo e de participación. Comezará cunha xornada de convivencia na que, logo da presentación do proxecto e dos seus obxectivos e de presentación das participantes, pasaráse a elaboración dun ‘mural colaborativo’, un papel continuo en branco no que baixo o título A discriminación das mulleres no ámbito rural, título que pode tamén variar atendendo ás suxestións que presenten as participantes, estas expresarán as súas reflexións, tanto individuais como en grupo, sobre temas como poden ser as discriminacións de trato que sofren as mulleres rurais con respecto ás mulleres das cidades.

Mulleres en Rede supón, para Iria Lamas, concelleira de Igualdde “poñer sobre a mesa os problemas específicos que en materia de igualdade afectan ás mulleres do noso rural e difiren bastante das situacións ás que se teñen que enfrontar aquelas que viven nas cidades”.

“É imprescindible –afirma a concelleira– que a sociedade tome conciencia do imprescindible papel da muller en case todos os ámbitos e, para iso, é preciso contar con programas como este que fomenten o empoderamento das mulleres no camiño á igualdade, o único xeito de construír unha sociedade xusta e decente”.

Obradoiros para prevención da Violencia de Xénero

O proxecto Mulleres en Rede tamén poñerá en marcha unha serie de obradoiros para a prevención da Violencia de Xénero “unha das peores lacras que ten a nosa sociedade” coinciden en afirmar Digna Rivas e Iria Vilaboa.

“Non se trata de charlas –explica Iria Vilaboa– senón de actividades dinámicas que se desenvolven a través da participación activa das mulleres con xogos, música, lectura de noticias ou traballos creativos, entre outros”.

Os obradoiros constan de tres módulos:

MÓDULO I: Introdución da perspectiva de xénero e interseccional con especial atención as mulleres rurais.

MÓDULO II: A violencia de xénero e as súas manifestacións

MÓCULO III Prevención e mecanismos de protección ante as violencias de xénero: a figura da mediadora en violencia de xénero

Todas e cada unha das actividades de Mulleres en Rede , insiste a concelleira de Igualdade, “están pensadas como iniciativas dinámicas, de participación, de intercambio de experiencias e de propostas das participantes, os mellores xeitos para ir dando pasos cara a igualdade e á xustiza social”

También te puede interesar