A Mesa pola Normalización denuncia que a Delegación do Goberno español en Galicia propón sancionar un cidadán cunha multa de 600 euros por reclamar que o atendesen en galego nun cribado da Covid19.
Os feitos sucederon o pasado 17 de abril de 2021, en Rianxo, cando o cidadán “non só recibiu unha negativa rotunda a atendelo na nosa lingua senón que mesmo se lle chegou a negar a realización do cribado“.
Perante a súa indignación, interveu a Policía Local que non só non lle recoñeceu o seu lexítimo dereito a ser atendido en galego, senón que -segundo consta no mesmo informe policial- o instou a mudar de lingua e empregar o castelán, “tentando explicar a esta persoa que ambas linguas son cooficiais na Comunidade Autónoma”.
As forzas de seguridade “vulneran” o dereito a empregar o galego
A Mesa salienta a importancia duns feitos que en palabras do seu presidente, Marcos Maceira, “demostran que ante unha vulneración dos dereitos lingüísticos que afecta tamén ao dereito á saúde e á dignidade dun cidadán, as forzas de seguridade vulneran toda a lexislación que ampara o lexítimo dereito da cidadanía galega a empregar a nosa lingua, tentando coaccionar a un cidadán para que renuncie a facelo”.
“Non satisfeitos con mentir e desinformar sobre os dereitos lingüísticos”, explica Maceira, “os policías denunciaron a vítima por suposta alteración da seguridade e a Delegación do Goberno afonda na indefensión dos nosos dereitos lingüísticos, propondo unha sanción cualificada como grave cunha multa de 600€”.
Non se tiveron en conta as declaracións das testemuñas
En efecto, sinalan dende A Mesa, a Delegación do Goberno avalou o informe emitido polos axentes, “deslexitimando as declaracións de testemuñas presentes no lugar por seren veciñas da vítima (como todas as citadas para o cribado)”.
Neste sentido, a Mesa destaca “a falta de neutralidade e de imparcialidade por parte da instrutora do procedemento, nomeada pola Delegación do Goberno español”, que chega a cuestionar a comprensíbel indignación dun cidadán “solo por decirle que el personal médico no tenía la obligación de hablarle en gallego”.
A Mesa advirte que con esa afirmación a Delegación do Goberno nega validez a un dereito recollido nos artigos 74.s) da Lei 2/2015 do emprego público de Galiza; ao art. 51 que define os requisitos lingüísticos do funcionariado, que debe coñecer a lingua; e ao artigo 54.11 do Real Decreto Lexislativo 5/2015 de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público. Tampouco contempla a posibilidade de que en virtude do art. 185.1.b) da mesma Lei 2/2015 estamos perante un caso de discriminación por motivo de lingua, o que é unha falta moi grave e pode levar consigo a inhabilitación para a función pública.
Por último, A Mesa pola Normalización Lingüística, a través da Liña do Galego, xa se dirixiu á Delegación do Goberno, instándoa a suspender o procedemento contra o cidadán e a abrir dilixencias contra os policías.
Ademaís, solicita tamén que se forme os membros das forzas de seguranza nos dereitos lingüísticos da cidadanía para evitar que se repitan feitos como este.