Galicia

Municipios de 11 países europeos reuniranse esta semana en Cerveira e Tomiño

Para promover a cidadanía e a cohesión social alén das fronteiras

Goián Tomiño

Entre o 20 e o 24 de outubro celebrarase en Cerveira e Tomiño un encontro internacional no marco do Proxecto BRIDGE, no que participa Tomiño canda outros 10 socios europeos, co obxecto de crear redes de cooperación en materia transfronteiriza e intercambiar boas prácticas.

O Proxecto BRIDGE, coordinado pola Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira e financiado polo Programa Europa para cidadáns da Unión Europea, integra 11 entidades e municipios transfronteirizos de 11 países, co fin de promover a cidadanía e a cohesión social alén das fronteiras.

Así, no proxecto participan, ademais de Tomiño e Cerveira, entidades de Bulgaria, Hungría, Eslovaquia, Eslovenia, Italia, Chipre, Lituania, Letonia e Serbia.

O venres en Goián

Do lado tomiñés, Goián acollerá o vindeiro venres (22/10) unha das sesións de traballo coa recepción dos participantes por parte da alcaldesa Sandra González, e conferencias sobre boas prácticas de cooperación transfronteiriza, como as existentes entre universidades galegas e portuguesas, ou as desenvolvidas pola AECT Río Minho. Haberá, ademais unha intervención a cargo dun representante da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea.

Durante a execución do proxecto, ata outubro de 2022, os parceiros analizarán as causas que alimentan a xenofobia e o euro escepticismo en moitos países, presentando posíbeis solucións para garantir que as rexións transfronteirizas da Unión Europea poidan, a través dos seus propios medios, contribuír á mellora da cidadanía europea con experiencias compartidas, como a da Eurocidade Cerveira–Tomiño.

O BRIDGE prevé diferentes encontros nos que se abordarán temas relacionados coa financiación de programas e oportunidades para promover a cooperación transfronteiriza e europea; os problemas causados pola suspensión do Tratado de Schengen durante a pandemia; iniciativas de cooperación transfronteiriza nas áreas social, cultural, ambiental e de cidadanía ou as dificultades legais que existen na actualidade.

También te puede interesar