A escritora Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura en 2015, visitou o Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Ponteareas para falar cos seus integrantes dunha das súas obras máis importantes: Infamia, a novela coa que o grupo retomou a actividade en setembro, e tamén de literatura en xeral. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, destacou que “a xornada foi moi rica para todos e todas”, xa que “aprendemos moito da man dunha marabillosa autora galega”, que, ademais, “mostrouse moi humilde e amábel con nós”.
O edil aproveitou tamén para indicar que é a primeira vez que o Club de Lectura recibe a unha Premio Nacional de Literatura, ao tempo que destaca que visitas coma as de Ledicia Costas mostran que “a literatura está moi viva en Ponteareas”, e indica que, “este contexto pode ser o xermolo para autores e autoras noveis da vila”.
Programa de animación á lectura para adultos
As actividades do Club de Lectura enmárcanse dentro do programa de animación á lectura para adultos que realiza a Concellaría de Cultura. Durante estas xuntanzas as e os membros debaten sobre a obra escollida, sobre o seu estilo literario, a propia acción, os personaxes, a temática… ou incluso sobre experiencias persoais evocadas por cada un dos e das participantes durante a lectura. “Non se trata dunha reunión de especialistas en literatura, senón de persoas ás que lle gusta ler e que atoparán no Club o pracer da lectura compartíndoa con outros veciños e veciñas”, explica Fernando Groba.
Coa súa visita Ledicia Costas uniuse á longa lista de creadores como Francisco Castro, Alfonso Pexegueiro, Xavier Quiroga, Santiago Lopo, Juan José Lago Pereira, Juan Xosé Pérez Labaca… que ademais de analizar unha das súas
obras, compartiron co Club de Lectura a súa experiencia sobre o mundo do libro e a literatura.
As persoas interesadas en participar no Club de Lectura deben poñerse en contacto coa Biblioteca Municipal de Ponteareas chamando ao 986 660 765 ou enviando un correo electrónico ao enderezo electrónico [email protected].