Galicia

Empezan os traballos de limpeza nas marxes das estradas da Xunta na provincia de Pontevedra

Para previr lumes, mellorar a seguridade viaria e facilitar o tránsito de peóns e ciclistas

A Xunta iniciou este luns novas tarefas de limpeza nas marxes das estradas autonómicas nas provincias de Lugo, de Ourense e de Pontevedra.

Concretamente, faranse labores de roza nas estrada LU-751, nos concellos de Meira e de Ribeira de Piquín; e na OU-536, en Ourense. Tamén comezarán as tarefas de roza na OU- 402, en Ourense, Barbadás e Castrelo do Miño; e na Variante de Vilagarcía VG-4.7, que une Carril e Baión.

Ademais, proseguirán os labores iniciados a pasada semana na estrada AC-552, no municipio coruñés de Vimianzo; e na LU-540 ao seu paso polos municipios lucenses de Muras e de Xermade.

Continuarase cos traballos de limpeza iniciados en semanas anteriores na vía de altas prestacións VG-1.4, que comunica Cee e Sardiñeiro, no concello de Fisterra; na CG-2.2 Lugo- Sarria, ao seu paso polos municipios de Lugo, do Corgo, do Páramo e de Sarria; e tamén na LU- 934, en Friol.

Tamén seguirán estas tarefas na estrada PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra; e na vía de altas prestacións VG.-4.4, Lourizán-Ardán, en Pontevedra e en Marín.

Reforzo na conservación das estradas

Estas actuacións, que se realizan a través da encomenda a Seaga, completan as que a Xunta realiza ao longo do ano mediante os servizos ordinarios de conservación de estradas. Así, impúlsase a roza de vexetación de dominio público das estradas autonómicas e o apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.

As tarefas contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á estrada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como os xabarís.

Con estes traballos tamén se dá cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas da súa competencia, engadindo aos medios de conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga.

Este ano, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda á empresa pública Seaga para a realización de tarefas de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas das catro provincias, de cara á prevención de lumes e o reforzo da seguridade viaria, cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

También te puede interesar