A Policía Local de Ponteareas investiga a dous menores como presuntos autores da queima de varios colectores na madrugada do sábado ao domingo nas rúas Paseo Matutino e Carballos.
Un menor identificado
Pasada as 01.00 horas a Policía Local recibiu aviso dun incendio nun colector na rúa Paseo Matutino. Testemuñas presenciais identificaron a un dos presuntos autores dos danos. Apenas media hora despois había unha nova alerta polo incendio doutro colector na rúa Carballos. Novamente testemuñas presenciais identificaron ao mesmo menor que na ocasión anterior e outro máis que, “supostamente, terían gravado en vídeo a súa actuación“.
Gravado en vídeo cun teléfono móbil
Nos dous casos foi precisa a intervención dos bombeiros de Ponteareas para extinguir as lapas e evitar danos maiores.
En base á descrición achegada polas testemuñas a Policía Local localizou a un dos presuntos autores á saída dun local de lecer nocturno, quen foi identificado e rexistrado. No seu teléfono móbil atopouse a gravación da queima dun dos colectores, na que ademais se recoñecía a autoría dos feitos. Por outra banda, tamén se interveu un acendedor como posíbel instrumento empregado para provocar os lumes.
O Concello agradeceu a colaboración cidadá para identificar aos presuntos autores destes feitos que poderían constituír un delito de danos. O Goberno Local lembrou que, malia a limitación de recursos humanos, o Concello está a facer un importante esforzo contando con dúas patrullas con catro axentes nas noites das fins de semana para tentar asegurar o respecto polas normas de convivencia.
Máis actos de vandalismo
Nas últimas semanas téñense producido máis actos de vandalismo con desfeitas tanto en bens públicos como privados. “Son actos condenábeis e repudiábeis que, aínda reforzando a vixilancia policial, precisan da colaboración
cidadá para a súa erradicación”, sinalan dende o Goberno local.