Deportes

Choiva de medallas galegas no ‘Aberto de Holanda’ de Taekwondo

Impresionante actuación nas categorías júnior e sénior

Medallas Taekwondo galego en Holanda

Tivemos choiva de medallas galegas no prestixioso Open de Holanda (G1), que se celebrou esta fin de semana en Eindoven. Na categoría senior Alma Pérez e Iván García lograron dous bronces e en júnior tivemos tres ouros (Sergio Troitiño, Ainoha García e Javier Otero), unha prata (Cloe Iglesias) e un bronce (Helena García) -esta última que viaxaba co seu club, o Dobok-.

Categoría Sénior

Comezamos coa categoría sénior, na que Alma Pérez (-53, Suh Sport) logrou o bronce tras vencer en dous combates. En primeira rolda eliminou á danesa Jade Theresa Castillo de forma rotunda (26-9) e nos cuartos superou a alemá Julia Ronken, unha vella coñecida, á que non lle deu opción algunha (23-4). Na semifinal tivo como rival á rusa Tatiana Minina, número 1 do mundo e subcampioa olímpica en Tokio, dous veces subcampioa do mundo, varias veces campioa de Europa… Alma aguantou ben o primeiro asalto (2-2), pero no segundo recibiu unha patada na cabeza e caeu (6-2) e no terceiro a rusa pechou a vitoria de forma clara.

Ademais, Iván García (-87, Mat´s) subiu ao terceiro chanzo do podio, igual que Alma. En primeira rolda enfrontouse ao andaluz Julián Pérez, ao que coñecía por enfrontarse no Campionato de España, e Iván controlou o combate á perfección para gañar 2-10. Nos cuartos, o rival foi Cem Ynlusoy (Alemaña), co que competira en Polonia, e nova vitoria sinxela para o noso deportista (0-17). Na semifinal tivo un rival complexo, o cabeza de serie número 1 do torneo, Maicon Siquiera (medallista olímpico en Río e medallista mundial). Era un rival ao que lle apetecía moito enfrontarse, xa que sabía da súa valía e o combate estivo moi igualado, aínda que finalmente se decidiu a favor do brasileiro por 9-7.

Categoría Júnior

Na categoría júnior, magníficos resultados para os deportistas galegos, que ían convocados pola Federación Española, para preparar o Campionato de Europa da categoría que se celebrarán dentro dunhas semanas. Sergio Troitiño, Javier Otero e Ainhoa García foron ouro, mentres que Cloe Iglesias logrou a prata.

Sergio Troitiño (+78, Mat´s) acadou a primeira posición neste Open despois de superar tres combates, ante contrincantes de gran envergadura física.  Na primeira rolda enfrontouse ao francés Rayanne Mannai, ao que Troitiño superou claramente (22-5). Na semifinal o rival era Kirills Gatsins, un competidor de Estonia que compite por Alemaña. Novamente, o galego non tivo problema algún para vencer (6-18) e meterse na final. E nesta última loita do día Sergio venceu con rotundidade ao deportista de Gran Bretaña, Taimn Othman (16-3), e así subiu ao máis alto do podio.

Javier Otero (-45, Kae Sport) tamén logrou o ouro. Comezou a competición ante Miles Johnson (USA) e aínda que entrou un pouco frío, foi aumentando a intensidade para resolver cun contundente 21-7. En semifinais enfrontouse a Len Beekman (NED) e Javier saiu concentrando dende o inicio, coa clara intención de non darlle un respiro ao oponente. Así, 18-1 para o galego. Na final esperaba o número 1 do ranking europeo o ucraniano Maksym Manenkov, que ademais foi campión do mundo 2019 e campión de Europa 2020, pero novamente Javier estivo impecable. Despois dun primeiro asalto de estudo do rival, nos dous seguintes non lle deu opción e gañou 30-18.

O terceiro ouro galego foi para Ainoha García (-68, Couto), que entrou directamente nas semifinais onde tivo como rival á alemá Julika Zimmerling. Foi un combate moi axustado, pero no que finalmente se impuso a galega por 6-9. Na final, esperaba unha compañeira da selección española, a andaluza Irene Montero, pero a nosa taekwondista non lle deu opción algunha para acadar a vitoria por 8-19 e así o título no Open de Holanda.

Cloe Iglesias (-63, Patiño) tamén fixo un gran papel neste Open e quedou moi preto do ouro. Na primeira rolda enfrontouse a alemá Edda Kettel, e a deportista do Patiño foi moi superior (11-1). Na semifinal, a rival foi a sueca Tindra Andersson e foi un combate bastante axustado, pero no que Cloe soubo gardar a vantaxe e lograr a vitoria por 7-4. A final foi ante a potente Vivana Marton (Hungría), que foi campioa de Europa, e Cloe non puido superala. Prata para Cloe Iglesias!

Ademais, hai que destacar o bronce de Helena García (+68, Dobok) que viaxou co seu club e acadou a medalla de bronce. Nos cuartos de final superou á representante de Gran Bretaña Nikki Etminani nun axustado combate (9-8) e na semifinal caeu ante Esmeralda Husovic (Alemaña) por 2-8, que foi quen finalmente acadou a medalla de ouro.

También te puede interesar